El Correo Gallego

Tecnoloxía

ExpOtaku destinará 2.000 metros cadrados aos videoxogos

O encontro que terá lugar en EXPOCoruña acollerá a meirande zona de gaming de Galicia.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.05.2017 
A- A+

Entre os días 26 e 28 de maio o recinto feiral de EXPOCoruña acollerá por oitava vez o encontro ExpOtaku, no que se xuntan milleiros de afeccionados á cultura xaponesa, o anime, o cosplay, os videoxogos e outros ámbitos da cultura popular que vívese con grande intensidade durante unha longa fin de semana na que os participantes poden deixar o pudor na casa e experimentar moitas das súas paixóns nun espazo destinado á participación e o lecer.
Numerosos incondicionais do evento xa están a facerse cos billetes de xeito anticipado para non ter que esperar para entrar no recinto nas longas ringleiras que se forman nos días nos que se desenvolve este encontro do que vén de publicarse o programa de actividades na súa páxina web oficial.

Este ano van destinar 2.000 m2 á zona de videoxogos, de xeito que contarase con máis dun cento de postos de xogo, arenas de League of Legends e Counter Strike: Global Offensive, retroconsolas arcade, exposicións dos máis importantes desenvolvedores de hardware... Celebraranse numerosos torneos que detallarán en breve, pero sobra dicir que estarán dispoñibles dende numerosos clásicos até as últimas novidades. Estarán así presentes consolas das súas últimas xeracións, alfombras de baile, xogos musicais (Guitar Hero e Rock Band), postos de realidade virtual (PlayStation VR)... e tampouco faltarán os espazos temáticos de Nintendo e PlayStation. En definitiva, que este encontro para amantes da cultura xaponesa tamén será o paraíso para os gamers galegos durante a última fin de semana de maio.