El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os estados de WhatsApp incorporan imaxes e vídeo

A aplicación de WhatsApp integra unha funcionalidade semellante ás historias de Snapchat como xa fixeron recentemente Instagram e Facebook.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.02.2017 
A- A+

Hai varios meses que a aplicación de WhatsApp inclúe unha nova funcionalidade desactivada de xeito predeterminado para pórse a proba: actualizacións de estado que, en vez de consistir nunha pequena frase de texto inclúen imaxes e vídeos personalizables ao estilo de Snapchat. Esta prestación supón a evolución dos estados de WhatsApp en auténticas historias, como as que actualmente teñen Snapchat, Instagram e Facebook no móbil, e esta semana esperan que chegue a todos os usuarios da aplicación de mensaxería para celebrar os 8 anos de WhatsApp, que cumpriríanse o vindeiro venres. Curiosamente esta prestación é moi semellante ás historias de Facebook que se estrearon a semana pasada, dando a impresión de que a compañía de Mark Zuckerberg quere converter tal formato nalgo xenérico.
Esta novidade que comeza a funcionar oficialmente a partires de hoxe abre unha nova canle de comunicación en WhatsApp e, ao igual que acontece coas historias de Snapchat, Instagram e Facebook, os novos estados poderán contar con contido enriquecido durante 24 horas. De xeito predeterminado os estados estarán visibles para todos os nosos contactos, aínda que existe a opción de seleccionar os que queiramos que teñan permiso para visualizar este formato de publicación que fuxe da mensaxería instantánea para converterse nun xeito de compartir contidos menos intrusivo e unidireccional (os estados non buscan converterse en conversas ou grupos, senón simplemente difundir fotografías e vídeos como un xeito persoal de expresión, facilitando a incorporación de emoticonas, textos e outros elementos personalizando o contido multimedia.
Os novos estados figuran nunha nova pestana dentro da aplicación de WhatsApp, e ao igual que tamén acontece coas conversas, será posible silenciar aos usuarios dos que non queiramos ver os seus estados.
A activación desta funcionalidade será paulatina e non precisará de accións por parte dos usuarios, ou sexa, que cadaquén só ten que esperar a que se active no seu dispositivo como acontece con moitas outras novidades dos últimos meses, como a videochamadas.