El Correo Gallego

Tecnoloxía

DJI renova o seu estabilizador de cámaras para móbiles

O novo Osmo Mobile 2 mellora en prestacións e reduce considerablemente o prezo con respecto do seu modelo anterior.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 08.01.2018 
A- A+

DJI, o fabricante chinés líder mundial en drons de consumo, ten unha grande experiencia no desenvolvemento de estabilizadores para cámaras que decidiron comercializar para usos máis próximos ao usuario final, como a cámara DJI Osmo e o estabilizador para smartphones DJI Osmo Mobile, sendo este último o que está de actualidade, xa que co gallo do CES de Las Vegas vén de presentarse a súa revisión, moi importante por gañar prestacións e reducir prezo.
O Osmo Mobile 2 é un estabilizador para a cámara do noso smartphone, que permite así gravar vídeos de calidade e fermosas panorámicas evitando as molestias da vibracións das mans do usuarios ou incluso o seu movemento mentres anda ou vai nun vehículo, xa que integra tecnoloxía que detecta e compensa os movementos da cámara para suavizalos o máximo posible.
O Osmo Mobile tiña un prezo de 299 dólares, pero actualmente ofértase a 199 dólares, polo que o feito de que o Osmo Mobile 2 vaia venderse a 129 dólares é unha boísima nova, xa que achega este accesorio a un público máis amplo. O vindeiro día 23 abriranse as súas reservas na tenda en liña de Apple, chegando ás tendas ao longo do mes de febreiro.
Este novo gimball para móbiles ten un deseño lixeiro (485 gramos), unha batería de grande autonomía (até 15 horas de uso) e numerosas funcións intelixentes, de xeito que pode empregarse para realizar seguimento activo, controlar o zoom da cámara e facilitar a realización de lapses (timelapses, motionlapses e hyperlapses). É compatible con móbiles de entre 58,6 e 84,8 milímetros de ancho e até 8,4 milímetros de grosor e, como grande novidade, permite colocar o móbil tanto en vertical como en horizontal, adaptándose así as tendencias actuais, de xeito que tanto se pode empregar para filmar secuencias ao máis puro estilo cinematográfico como para captar imaxes en vertical coa cámara frontal para compartir en redes sociais.