El Correo Gallego

Tecnoloxía

O creador de Facebook ten un encontro co Papa Francisco

Zuckerberg agasallou ao Papa cunha maqueta dun dron que pretende achegar a Internet a zonas illadas

Imaxe distribuída por Mark Zuckerberg na que podemos ver como lle fai entrega ao Papa Francisco dunha maqueta do dron Aquila
Imaxe distribuída por Mark Zuckerberg na que podemos ver como lle fai entrega ao Papa Francisco dunha maqueta do dron Aquila

MARCUS FERNÁNDEZ  | 29.08.2016 
A- A+

Dende Facebook levan anos traballando en varias iniciativas para levar o acceso á Internet a lugares afastados e con poboación con baixo poder adquisitivo, como unha medida para introducir ás sociedades en vías de desenvolvemento á tan necesaria Rede para poder acceder ás mesmas oportunidades que o resto do planeta, e entre as tecnoloxías teñen varios prototipos de dron, como Aquila (casualmente, aguia en italiano), unha aeronave non tripulada froito do traballo do Connectivity Lab de Internet.org que é capaz de voar a máis de 18 mil metros de altitude, aproveitando a enerxía solar para manterse no aire durante meses e así poder achegar conexións á Internet dende o aire.
Esta solución tecnolóxica que podería resultar moito máis práctica que as conexións vía satélite (tanto en calidade das conexións como en custo económico) vén de gañar certa notoriedade, xa que na visita ao Vaticano de Mark e Priscilla Zuckerberg fixéronlle entrega ao Papa Francisco dunha maqueta do devandito dron, á vez que tamén comentaron co sumo pontífice tanto a necesidade de aumentar a dispoñibilidade do acceso á Rede como as achegas solidarias da Chan Zuckerberg Initiative, sendo a propia Priscilla Chan quen aproveitou os seus coñecementos de español para falar directamente co Papa sen precisar de intérprete.
Como curiosidade, o Papa Francisco carece de presenza oficial en Facebook, mentres que si conta con millóns de seareiros en Twitter, aínda que si esta presente nunha das plataformas sociais de Zuckerberg, Instagram.
Por outra banda, Facebook Italia confirmou que realizarán unha doazón de 500.000 euros á Cruz Vermella para axudar ás vítimas do terremoto dos pasados días.