El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Consumer Reports non recomenda a compra dos novos MacBook Pro

Os novos portátiles de alta gama de Apple presentan serios problemas de batería.

Empregaron 3 modelos distintos dos novos MacBook Pro para sometelos a probas - FOTO: Consumer Reports
Empregaron 3 modelos distintos dos novos MacBook Pro para sometelos a probas - FOTO: Consumer Reports

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.12.2016 
A- A+

O novo MacBook Pro está a resultar máis polémico do esperado, pois se non chegaba co rebumbio provocado pola substitución da súa fileira de teclas de función por unha pantalla táctil, contar cunha conectividade física moi reducida e por ter un prezo moi elevado, agora chegan dende Consumer Reports e desaconsellan a súa compra por ter detectado un comportamento inconsistente da súa batería nos seus distintos modelos.
Aínda que dende Consumer Reports recoñecen que os equipos teñen pantallas de grande calidade e un rendemento excelente, ao analizar a súa autonomía atoparon problemas que os invalidaría como equipos portátiles desta gama (lembremos que o máis económico custa 1.699 euros e o modelo máis avanzado ten un prezo base de 3.199 euros). Así, aínda que Apple asegura que estes equipos teñen unha autonomía media de 10 horas, hai usuarios que experimentaron autonomías de 3-4 horas, máis propias de equipos de gama baixa, e dende Consumer Reports adquiriron 3 equipos para poder realizar probas de primeira man, conseguindo resultados tan heteroxéneos que resulta difícil confiar nestas máquinas. Por exemplo, ao someter a un MacBook Pro de 13 polgadas con Touch Bar a tres probas consecutivas conseguiron autonomías de 16, 12,75 e 3,75 horas, mentres que o modelo sen Touch Bar en dúas probas tivo autonomías de 19,5 e 4,5 horas; no caso do modelo de 15 polgadas a autonomía oscilou entre as 18,5 e as 8 horas.
Resulta evidente que un equipo cunha autonomía tan variable pode ser todo un problema en usos reais, xa que o usuario non podería estimar cando o ordenador o vai deixar tirado, de xeito que aos interesados en mercar un MacBook Pro dende Consumer Reports lembran que o modelo de 13 polgadas do ano pasado conseguía autonomías de até 19 horas, ou sexa, moito máis do anunciado polo fabricante, de xeito que sería un equipo moito máis recomendable que, amais, resultan máis económicos que os novos modelos.
Cómpre salientar que os problemas de autonomía dos MacBook Pro poderían responder a fallos no software que poderían corrixirse en breve mediante actualizacións de macOS, pero o feito de que o estado actual dos equipos non sexa óptimo podería ter un importante impacto na campaña de Nadal de Apple (aínda que realmente o número de unidades vendidas é imposible que sexa elevado porque os novos equipos están a ter problemas de abastecemento en todo o mundo).