El Correo Gallego

Tecnoloxía

O Commodore 64 rexurdirá a primeiros de 2018

O clásico ordenador doméstico de Commodore terá versión mini con 64 xogos precargados e un prezo de 79,99 euros.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 29.09.2017 
A- A+

Aproveitando a atención xerada polo lanzamento da SNES Mini, Retro Games Ltd. anuncia que está a preparar THEC64 Mini, unha versión do clásico Commodore 64 que, aparte de ter a metade de tamaño, pode conectarse a televisores modernos mediante HDMI, inclúe un joystick clásico que pode conectarse a un dos seus 2 portos USB e integra 64 xogos licenciados. Este produto chegará ao mercado a primeiros de 2018 distribuído por Koch Media a un prezo de 79,99 euros.
Temos así que o ordenador de 8 bits nacido en 1982 e que durante a década dos 80 converteuse en todo un referente (aínda que en España foron máis populares outros ordenadores como o ZX Spectrum, o Amstrad CPC e o MSX) volve ás pantallas dos fogares dun xeito fiel á experiencia orixinal. Achegará xogos como California GameSpeedball 2: Brutal DeluxeParadroid e Impossible Mission, dentro dunha selección de xogos de diferentes xéneros que no seu día conseguiron as mellores críticas na prensa especializada.
THEC64 Mini terá funcións novas, como gardar e reanudar partidas e filtro para simular os televisores de tubo. O cable HDMI incluído será de 1,2 metros e o cable que une o equipo co seu joystick será de 1,5 metros, detalles que buscan evitar os problemas que tivera no seu día a NES Mini, consola que había que empregar moi preto da pantalla, algo habitual nos anos 80, pero que agora resulta molesto, tanto pola disposición dos salóns como polo tamaño das pantallas.