El Correo Gallego

Tecnoloxía

Comeza a tempada de fútbol nas consolas co novo PES 2017

O xogo de fútbol de Konami chega ás tendas nas súas versións para PC, Xbox One, Xbox 360, PlayStation 4 e PlayStation 3, adiantándose un par de semanas ao lanzamento do novo FIFA de EA Sports

MARCUS FERNÁNDEZ  | 15.09.2016 
A- A+

A adaptación ao videoxogo dos deportes de grande éxito tende a estar monopolizado por unha única marca, e así como a franquía de NBA 2K domina no baloncesto, os FIFA de EA Sports conseguiron liderar os xogos de fútbol, pero sen chegar a erradicar ao seu principal competidor, o Pro Evolution Soccer de Konami, que continúa a dar guerra e este ano achega o seu Pro Evolution Soccer 2017 (PES 2017) con importantes melloras e cambios que poden levar a máis de un a darlle unha nova oportunidade á franquía que hai poucos anos arrasaba en España.

Dende hoxe podemos mercar o PES 2017 para PC por 49,99 euros, estando tamén dispoñible por 59,99 euros para PlayStation 4 e para Xbox One; mentres que as consolas de anterior xeración (Xbox 360 e PlayStation 3) tamén reciben versións do xogo a 49,99 euros, pero estamos ante versión do xogo claramente inferiores, que non poden compararse ás das novas máquinas.

O novo xogo supón un salto en realismo tanto a nivel gráfico (cun modelado de xogadores máis detallado e moitos outros detalles totalmente renovados) como a nivel de xogo (cun xeito único de controlar o balón), incorporando unha intelixencia artificial adaptable que se axusta ao estilo de xogo do usuario, novas animacións que achegan un desprazamento dos xogadores máis natural, melloras de calidade nos porteiros e funcionalidades como myClub ou o habitual modo para editar equipos e equipacións para compartir os cambios co resto do mundo.

Cómpre lembrar que unha vez máis o PES 2017 padece a súa eiva habitual: carecer de todas as licenzas para poder contar con todos os equipos oficiais das principais ligas, de xeito que só uns poucos clubs teñen unha representación fiel que tanto demandan os incondicionais dos xogos de fútbol que buscan trasladar o día a día da Liga á pantalla da súa consola.