El Correo Gallego

Tecnoloxía

Comeza a beta do novo software de sistema da PlayStation 4

Entre nas novidades da PS4 destaca a posibilidade de incrementar a súa capacidade de almacenamento mediante discos duros USB 3.0 de até 8 TB

MARCUS FERNÁNDEZ  | 04.02.2017 
A- A+

Sony xa iniciou o reparto de invitacións para probar a beta do software de sistema PS4 4.50, coñecida co nome en clave Sasuke, e que serve de adianto das prestacións que se incorporarán na vindeira actualización da PlayStation 4, prevista para dentro de poucas semanas, e que para moitos usuarios suporán unha grande tranquilidade ao incluír a posibilidade de conectar á consola un disco duro externo por USB 3.0 para poder descargar, gardar e instalar xogos, aplicacións e complementos directamente no disco extraíble, ou incluso trasladar os xogos e aplicacións do disco interno ao externo, para organizar mellor o contido. Estes discos duros poderán ter unha capacidade de até 8 TB, de xeito que os usuarios que non conten con boas conexións de banda larga non deberán padecer a molestia de ter que descargar de novo xogos que tiveron que desinstalar para facer espazo a novos títulos.
A beta tamén permite probar os fondos de pantalla personalizados (de xeito que incluso poderemos pór como fondo capturas de pantalla que fixeramos dos nosos xogos favoritos, contando os elementos interactivos do menú de sombras e brillo que fagan que faciliten a súa lexibilidade.
O menú rápido (que aparece cando pulsamos o botón PS do DUALSHOCK 4) ocupará menos en pantalla, e agora tamén permitirá a creación, unión e xestión de grupos sobre a marcha, ou sexa, que poderemos conectar cos amigos sen ter que abandonar a partida actual.
A canle de actividades de PSN tamén permitirá a publicación de actualizacións de estado, na liña do que fan Facebook e Twitter.
Para rematar, unha novidade moi interesante é que os posuidores dun casco de PlayStation VR poderán reproducir de xeito estereoscópico as películas almacenadas en discos Blu-ray 3D, o que supón unha interesante mellora de visualización, conseguindo unha inmersión nas 3D moi efectiva.