El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Os ciclistas poderán escoitar música de xeito seguro

Un casco opta por auriculares de transmisión ósea para que os ciclistas poidan oír o tráfico mentres escoitan música

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.09.2016 
A- A+

A ninguén se lle escapa que empregar auriculares mentres se circula en bicicleta pola estrada é un risco moi elevado ao illar ao usuario do contorno, e para evitar ese problema en Kickstarter están a buscar financiamento para facer realidade o casco conectado Coros LINX, que integra uns auriculares abertos para permitir que os ciclistas poidan escoitar o tráfico á vez que a música, as chamadas ou as instrucións de navegación dende o seu smartphone.
Para facer posible esta solución de comunicacións o casco de Coros inclúe uns auriculares de transmisión ósea (que chega ao ouvido mediante vibración, sen ocupar o pavillón auditivo) á vez que inclúe tamén micrófonos con filtros anti-vento. Completa o produto un mando sen fíos para poder colocar no guiador da bicicleta e unha aplicación para o móbil (iOS ou Android).
Dado que estamos ante un produto orientado á práctica deportiva, conta con certificación IPX5, ou sexa, que sería resistente e incluso soportaría a auga e a suor. O seu prezo parte neste momento de 120 dólares (125 euros cos gastos de envío incluídos), e o feito de superasen sobradamente a meta da súa campaña de micromecenado ao pouco do seu lanzamento parece deixar claro que a súa viabilidade está garantida, tendo que esperar os compradores ao mes de novembro para que comece a enviarse o produto aos seus mecenas.