El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Black Shark, un novo smartphone para gamers

A chinesa Xiaomi presenta un teléfono móbil orientado aos que fan un uso intensivo de xogos que precisan grande potencia

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.04.2018 
A- A+

O pasado inverno Razer sorprendía comercializando un smartphone orientado aos gamers, e curiosamente é agora a chinesa Xiaomi a que segue os seus pasos co Black Shark, un smartphone que toma os xogos moi en serio, para o que opta por un deseño moi agresivo e rechamante, así como a unha configuración cunhas prestacións moi elevadas, de xeito que poida correr con total solvencia os xogos móbiles máis esixentes.
O Black Shark opta pola cor negra con acentos en verde, o que fai que sexa claramente distinguible doutros terminais. Ten unha pantalla Full HD+ de 5,99 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6/8 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, cámara traseira dual de 20 e 12 Mpíxeles, cámara frontal de 20 Mpíxeles e unha batería de 4.000 mAh con QuickCharge 3.0. Pero o punto realmente forte deste smartphone parece ser o seu sistema de refrixeración líquida, que permitiría reducir en 8 graos Celsius as temperaturas do móbil,  o que facilitaría que puidese xogarse o máximo posible sen temer a que o móbil teña problemas por sobrequecemento.

O novo teléfono sairá á venda o vindeiro día 20 a un prezo de 2.999 iuans (388 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de capacidade custará 3.499 iuans (452 euros).
Este smartphone que funciona con Android 8.0 tamén terá dispoñible un accesorio físico que permite engadir un mando analóxico a un lado da pantalla, que comunícase co terminal móbil por Bluetooth e que integra unha batería de 340 mAh (co que tería unha autonomía dunhas 30 horas de uso). Este accesorio venderase a 179 iuans (23 euros).