El Correo Gallego

Tecnoloxía

A aventura gráfica galega Saucer-Like verá a luz o 5 de abril

Saucer-Like é o primeiro videoxogo da editorial Fosfatina e sairá á venda en Steam nun par de semanas.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.03.2017 
A- A+

En novembro recibimos a nova de que a editorial viguesa Fosfatina estreaba en Greenlike a aventura gráfica Saucer-Like, buscando así o apoio do público para poder publicarse en Steam, a principal plataforma de distribución dixital de xogos para PC, conseguindo este xogo recibir a luz verde en 19 días, de xeito que entraba na súa recta final de cara á súa comercialización en formato descargable, o que finalmente ten data: o vindeiro 5 de abril.
Esta aventura gráfica point and click non só chegará en formato dixital a Steam, senón que tamén terá unha versión en formato físico que Fosfatina venderá a través da súa tenda en liña, estreándose así no mercado dos videoxogos. Saucer-Like é un xogo programado por Nicolás Casal e o animador José Garnelo, que enriquecido cunha banda sonora de Xavi Núñez consegue introducir ao xogador nunha fábula animista na que coñeceremos a historia de Yanagi, un mozo que esperta unha maña sabendo que terá que enfrontarse ao día máis transcendente da súa vida, no que tomar a decisión que suporá a unión ou separación do seu clan para sempre, mentres que o resto dos habitantes da vila teñen que facer o mesmo. Para transmitir esta historia empréganse máis de 40 fondos pintados a man e animacións 2D con certo estilo xaponés, conseguindo así ter un carácter de seu no que a narración é a base da experiencia que nun par de semanas estará ao alcance dos amantes das aventuras gráficas e as expresións artísticas interactivas.