El Correo Gallego

Tecnoloxía

Anuncian as causas dos fallos do Samsung Galaxy Note7

Os problemas coas baterías dos Note7 terían dúas causas totalmente distintas: a batería orixinal tería un fallo de deseño e o seguinte modelo padecería defectos de fabricación.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.01.2017 
A- A+

A pasada noite Samsung convocou unha rolda de prensa para dar conta dos resultados da súa investigación sobre os incidentes co seu smartphone Galaxy Note7, encargándose DJ Koh, presidente da división móbil de Samsung, de detallar as causas dos incendios das baterías dos Note7, desculparse con todos os afectados e adiantar as medidas que a compañía estaría a tomar para que non se volvan producir accidentes semellantes no futuro.
Dende Samsung aseguran que na súa investigación participaron 700 traballadores e probaron 200.000 teléfonos e 30.000 baterías adicionais, empregando tamén a 3 empresas externas (UL, Exponent e TUV Rheinland) de xeito que as conclusións á que chegaron están sobradamente contrastadas, e resultaría doado describir o acontecido como unha serie de catastróficas desdichas.
O fallo inicial correspondeu a un erro de deseño das baterías do Note7, que na súa esquina superior dereita, onde os eléctrodos nalgúns casos chegaban a dobrarse, o que podería levar á rotura da separación entre o polo positivo e o negativo, provocando un curtocircuíto, ou sexa, o incendio da batería Litio-Ion. Quedaría así xustificada a retirada das primeiras unidades dos Note7 do mercado.
Ao colocar no mercado novas unidades do Note7 con baterías achegadas por outro subministrador, Samsung confiou en que as novas baterías non presentasen problemas xa que o erro de deseño teríase solucionado, pero resultou que o provedor, ao ter que incrementar a produción de baterías dun xeito impresionante para poder atender a demanda de baterías para poder relanzar o Note7, non mantivo os niveis de calidade precisos e introduciu defectos de fabricación que de non terse producido farían que o teléfono aínda estivese hoxe no mercado.

Na rolda de prensa tamén comentaron que Samsung manterá tanto a familia Galaxy como a Galaxy Note, pese aos rumores de que a serie Note puidese desaparecer definitivamente pola mala imaxe despois deste incidente. Así pois, semanas despois do Mobile World Congress de Barcelona anunciarase o novo Galaxy S8, e no outono teriamos un Galaxy Note8.