El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Os Angry Birds declaran a guerra a Candy Crush

O novo xogo dos paxaros anoxados de Rovio, Angry Birds Blast, imita as mecánicas de xogo de Candy Crush Saga para tentar manter viva a franquía que tanto éxito tivo nos móbiles os últimos anos

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.12.2016 
A- A+

Os paxaros anoxados de Rovio volven a casa polo Nadal, e dende esta mesma semana podemos descargar de balde o novo Angry Birds Blast en Google Play e na App Store, un novo título cun estilo semellante a Bejeweled ou Candy Crush Saga que ten como protagonistas aos Angry Birds, aos que temos que liberar de globos de cores nos que os atraparon os malvados porcos verdes.

Esta aventura de quebracabezas con máis de 250 niveis consiste en localizar elementos adxacentes da mesma cor, para facelos esbourar, o que ocasiona explosións que fan desaparecer as burbullas, á vez que tamén dana o que estea ao redor, facilitando así conseguir os obxectivos de cada fase, que poden ser dende a liberación de certo número de paxaros de cores determinadas, a eliminación dos porcos verdes presentes ou algún que outro reto máis. Para facilitar a superación dos obxectivos tamén poderemos facer uso de potenciadores con efectos devastadores, deixando claro que estamos ante un título que segue claramente o modelo de negocio de Candy Crush, instando ao xogador a realizar micropagamentos para mercar contidos na aplicación ou, simplemente, para non ter que agardar para recuperar vidas e así poder seguir xogando tras fracasar nalgún nivel.

Angry Birds Blast conta con retos diarios para gañar recompensas e potenciadores, o que tamén facilita o asenso nunha clasificación global, aínda que de conectarmos a aplicación a Facebook teremos como engadido a posibilidade de poder desafiar aos nosos amigos para ver quen é mellor liberando paxaros.