El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

O 3 de marzo chegará ás tendas a Nintendo Switch

A nova consola de Nintendo poderá usarse no televisor e en mobilidade, e o seu prezo recomendado será de 329,95 euros.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.01.2017 
A- A+

A pasada madrugada Nintendo emitiu a presentación oficial da súa nova consola a través de YouTube, a Nintendo Switch, que busca deixar pegada ao proporse como a primeira grande consola híbrida entre sobremesa e portátil, e que confirman que sairá á venda o vindeiro 3 de marzo a un prezo aínda non anunciado publicamente para España, pero que segundo a información que teñen en distintas tendas sería de 329,95 euros, polo que sería máis cara que a Xbox One e a PlayStation 4, o que dá que pensar que terá un inicio lento, e haberá que agardar á afastada campaña de Nadal para poder ver se realmente esta nova máquina consegue o éxito que moitos confían que acade.
A consola incluirá os mandos Joy-Con que se colocarán á esquerda é á dereita da consola para o control físico dos xogos en mobilidade, así como cun soporte para estes mandos que facilitará o seu acomplamento para que funcionen como un único mando (cando se queira usar coa consola sobre a mesa ou conectada ao televisor); tamén conta cunha base para conectar a consola ao televisor, o cable HDMI e o adaptador de corrente que pechan este produto que tamén será compatible cun mando Pro (na liña dos que teñen as consolas de videoxogos actuais. A Nintendo Switch sairá á venda en dous modelos: un cos mandos Joy-Con en cor gris, e outra cun mando en cor vermello neon e outro en cor azul neon.
Aínda que o uso principal da consola é conectado ao televisor, cando gozará da súa máxima potencia, o usuario pode optar por empregala en mobilidade, gozando así dos xogos na súa pantalla de alta definición de 6,2 polgadas (con funcións multi-táctiles) e batería que pode achegar até 6 horas de autonomía (aínda que nos xogos máis esixentes quedaría na metade de tempo). Como grande vantaxe, en mobilidade poderemos cargar a consola a través dun conector USB.
Cómpre detallar que os Joy-Con están pensados para empregarse de distintos modo, sendo o máis completo a colocación de ambos mandos nun soporte, aínda que tamén será posible repartir cada mando lateral entre dous usuarios, para así poder gozar de modos multixogador nos xogos compatible. Dende Nintendo destacan que os mandos contan con acelerómetro e xiroscopio, de xeito que aceptarán control por movemento, o que podería abrir moitas posibilidade. Pero ambos mandos non son simétricos nin teñen as mesmas prestacións, e así o botón que facilita as capturas de pantalla está no Joy-Con esquerdo, mentres que o Joy-Con dereito é o que conta con NFC (para poder empregar as figuras amiibo) e unha cámara infravermella de movemento (para poder detectar a distancia, a forma e o movemento dos obxectos próximos nos xogos deseñados para tal fin).

Para promover a comunicación con outros xogadores, a Nintendo Switch conta con modo de comunicación sen fíos local de até 8 consolas, e tamén permitirá o multixogador en liña a través de Wi-Fi, servizo que será de balde no lanzamento pero que a partires do outono precisará dunha cota de subscrición como acontece no resto de consolas actuais.

Aínda que os pratos fortes da Nintendo Switch serán os xogos da propia Nintendo, o lanzamento da nova consola fixo que moitos estudios externos desen unha nova oportunidade á consola que carecerá de bloqueo rexional, e así a nova consola poderá contar con títulos como FIFA, The Elder Scrolls, NBA 2K ou Minecraft, polo que non serán poucos os que se acheguen a esta consola como un xeito de gozar dos supervendas do ano nunha versión máis portátil. Como curiosidade, Capcom anunciou un xogo da súa saga de loita estrela, pero en vez de basearse na súa última iteración, recorre á súa versión máis clásica, e achegará a Nintendo Switch o xogo Ultra Street Fighter II: The Final Chapters incorporando ao xogo un par de novos loitadores (Evil Ryu e Violent Ken).