El Correo Gallego

Tecnoloxía

10 anos da presentación do teléfono que mudou o mundo

A presentación do iPhone de Apple provocou a transformación dos smartphones até os dispositivos de comunicación persoal que temos actualmente e que podemos considerar os principais catalizadores da modernización tecnolóxica global.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.01.2017 
A- A+

Apple está a rememorar hoxe unha data moi especial, xa que o 9 de xaneiro de 2017, man Macworld de San Francisco tivo lugar a presentación na que Steve Jobs amosou ao mundo o iPhone, un produto tres en un que describiu como «un iPod con pantalla panorámica e controis táctiles, un teléfono móbil revolucionario e un dispositivo de comunicación coa Internet rompedor» que remataría marcando un antes e un despois no xeito de comunicarnos a nivel mundial, superando os 1.000 millóns de unidades vendidas nas súas distintas iteracións e inspirando a aparición doutros produtos como o iPad, así como serviu para a creación de todo un mercado de aplicacións móbiles.
É innegable o impacto do iPhone, tanto directa como indirectamente, pois en mercados como o español, onde a cota de mercado dos smartphones de Apple é moi reducida, a pegada deixada pola compañía da mazá déixase notar aínda que sexa a través dos dispositivos con Android, que aínda que nacesen dun proxecto totalmente diferente, reformulouse cando veu a luz o iPhone para atender ao atractivo das pantallas táctiles capacitivas, tendencia ante a que fabricantes como BlackBerry non saberían reaccionar a tempo, o que provocou a súa decadencia.
A chegada do iPhone no seu momento veuse con certo escepticismo, pois non podemos esquecer que tratábase dun smartphone sen 3G, que só podía mercarse coa operadora AT&T (de feito, non chegou a comercializarse en España), que non permitía o acceso ao Bluetooth, carecía de GPS, a súa pantalla de 3,5 polgadas tiña unha resolución de só 480 x 320 píxeles (cando naquel momento os móbiles con Windows Mobile xa tiñan resolucións de 800 x 480 píxeles), a súa cámara traseira de 2 Mpíxeles non tiña flash (e a súa calidade estaba moi por debaixo de móbiles de fabricantes como Nokia) e incluso carecía de tenda de aplicacións (Apple defendía o desenvolvemento de aplicacións web) e non permitía o acceso a páxinas web con tecnoloxía Adobe Flash (o que dificultaba o acceso a vídeos en liña). Poderiamos dicir así que o iPhone era un produto moi básico, que iría evolucionando, e xa o iPhone 3G (o primeiro en chegar a España) solucionaría moitas das súas eivas, aínda que podería entenderse que o seu impacto vai moito máis aló do propio terminal, tendo máis transcendencia todo o ecosistema creado ao seu redor, que aínda lle dá pulo hoxe, cando continúa a ser un produto aspiracional.