El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Un violín de 1773 soará esta semana nos concertos da Real Filharmonía de Galicia

A orquestra actuará o xoves en Santiago, o venres en Ferrol e o sábado ofrecerá un concerto para nenos a prezo reducido en Santiago

CDS  | 20.03.2017 
A- A+

Os músicos acompañarán ao aclamado violinista francés Amaury Coeytaux, concertino da Orquestra Nacional de Radio Francia. A orquestra actuará o xoves en Santiago, o venres en Ferrol e o sábado ofrecerá un concerto para nenos a prezo reducido en Santiago.

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro será o xoves 23 de marzo, ás 20:30 horas na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia. O venres, á mesma hora, a orquestra actuará no Teatro Jofre de Ferrol. E o sábado, ás 18:30 horas, parte do concerto de abono repetirase para o público máis novo e para as familias no Auditorio de Galicia, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Nas tres actuacións levará a batuta o mestre venezolano Manuel Hernández-Silva.

Os concertos de Santiago e Ferrol comezarán coa Sinfonía en do menor de Edvard Grieg (1843-1907), considerado un dos principais representantes do romanticismo musical. Deu a coñecer o seu país no mundo enteiro a través da adaptación de temas e cancións do folclore noruegués. A obra que tocará a Real Filharmonía de Galicia, de gran beleza e frescura, é a única sinfonía composta por Grieg. Non se interpretou por primeira vez ata finais do século XX, xa que o compositor deixou escrito sobre a partitura orixinal "Nunca debe ser interpretada".

O virtuosismo de Amaury Coeytaux ao violín
Ambas as actuacións concluirán co Concerto para violín en Re maior de Chaikovski (1840-1893), unha das obras máis interpretadas para este instrumento. Nesta ocasión será protagonizada polo violinista francés Amaury Coeytaux, recoñecido como un dos máis dotados e prometedores músicos da súa xeración. Xa de neno exhibía un talento precoz. Empezou a estudar violín a unha idade temperá, fixo a súa primeira aparición pública cunha orquestra aos nove anos, e aos once a súa interpretación da 3ª Ballade de Eugène Ysaÿe foi emitida en directo por Radio Francia. Aos trece anos ingresou no Conservatorio de París, onde se licenciou coas máximas honras; e continuou a súa formación na Escola de Música de Manhattan.

Coeytaux debutou no Carnegie Hall de Nova York en 2004 e a partir de entón foi convidado a dar concertos en todo o mundo: Francia, España, Ucraína, Bulgaria, Alemaña, Italia, Suíza, Canadá, Estados Unidos, Corea do Sur, Xapón... Foi concertino e solista principal da Orquestra de Auvergne e desde 2012 ocupa o mesmo posto na Orquestra Nacional de Radio Francia. Toca un violín Guadagnini de 1773.

Charla previa co mestre Manuel Hernández-Silva, actual director da Orquestra Filarmónica de Málaga e da Orquestra Nova de Andalucía
Antes da celebración do concerto de abono de Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Manuel Hernández-Silva. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia "Convers@ndo con", que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Hernández-Silva graduouse no Conservatorio Superior de Viena con matrícula de honra. É un invitado habitual das principais orquestras españolas e estranxeiras, dirixindo mesmo en Corea do Sur ou Israel. Foi director titular da Orquestra de Córdoba e principal director convidado da Orquestra Simón Bolívar de Caracas. Na actualidade é director titular e artístico da Orquestra Filarmónica de Málaga e director musical da Orquestra Nova de Andalucía.