El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Récord na recollida de vidro cun aumento do 32% con respecto a 2016

Retiráronse algo máis de 1.922 toneladas fronte ás 1.447 do ano pasado

REDAC   | 13.01.2018 
A- A+

Santiago. O ano pasado pechouse en Santiago cunha cifra récord na recollida selectiva de vidro. En total, retiráronse algo máis de 1.922 toneladas fronte ás 1.447 de 2016, o que supón un aumento do 32 %. Tamén se produciu un notable incremento, de máis do 20 %, con respecto a 2008, o ano con mellores resultados ata o de agora, con 1.656 toneladas de vidro recollidas. O incremento na recollida selectiva de vidro notouse especialmente nos meses do verán. En xullo de 2017 retiráronse 177 toneladas, un 88,6% máis que un ano antes; en agosto chegouse ás 204 toneladas, cun aumento do 58% con respecto a agosto de 2016; e en setembro recolléronse 171 toneladas de vidro, un 77% máis que un ano antes.

Das 1.922 toneladas de vidro retiradas en 2017, máis de 415 corresponden ao sistema de recollida Porta a Porta nos establecementos de hostalería. A campaña púxose en marcha a finais de maio de 2017, e nela participan máis de 220 establecementos de hostalería da cidade histórica. Ecovidro pon ao seu dispor contedores nos que os hostaleiros poden ir almacenando o vidro, que despois son retirados directamente polos operarios da empresa contratada por Ecovidrio para ese fin.