El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Récord histórico na recollida selectiva de vidro en Santiago

En 2017 foron retiradas 1.922 toneladas, un 32% máis que o ano anterior

O concelleiro Xan Duro, á esquerda, co xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández - FOTO: CDS
O concelleiro Xan Duro, á esquerda, co xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández - FOTO: CDS

SANTIAGO. CDS  | 12.01.2018 
A- A+

O ano pasado pechouse en Santiago cunha cifra récord na recollida selectiva de vidro. En total, retiráronse algo máis de 1.922 toneladas fronte ás 1.447 de 2016, o que supón un aumento do 32%. Tamén se produciu un notable incremento, de máis do 20%, con respecto a 2008, o ano con mellores resultados ata o de agora, con 1.656 toneladas de vidro recollidas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mostrouse convencido de que "esta boa evolución está directamente relacionada coa campaña de recollida de vidro Porta a Porta nos locais de hostalería da cidade vella, que o Concello impulsou en colaboración con Ecovidrio". Ademais, lembrou que se fixo un esforzo para mellorar a dotación de contedores de vidro, coa instalación de 25 novos colectores en localizacións estratéxicas próximas a establecementos de hostalería e restauración.

O incremento na recollida selectiva de vidro notouse especialmente nos meses do verán. En xullo de 2017 retiráronse 177 toneladas, un 88,6% máis que un ano antes; en agosto chegouse ás 204 toneladas, cun aumento do 58% con respecto a agosto de 2016; e en setembro recolléronse 171 toneladas de vidro, un 77% máis que un ano antes.

Máis de 200 establecementos implicados

Das 1.922 toneladas de vidro retiradas en 2017, máis de 415 corresponden ao sistema de recollida Porta a Porta nos establecementos de hostalería. A campaña púxose en marcha a finais de maio de 2017, e nela participan máis de 220 establecementos de hostalería da cidade histórica. Ecovidro pon ao seu dispor contedores nos que os hostaleiros poden ir almacenando o vidro, que despois son retirados directamente polos operarios da empresa contratada por Ecovidrio para ese fin. O servizo de recollida Porta a Porta é totalmente gratuíto para os hostaleiros, e tampouco ten custos para o Concello.