El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Preto de 500 escolares participan no novo ciclo da Escola Municipal de Música

En cada xornada do ciclo, dous profesores da EMM percorren os centros educativos da cidade

Unha sesión de acordeón e guitarra - FOTO: CDS
Unha sesión de acordeón e guitarra - FOTO: CDS

SANTIAGO. CDS  | 13.03.2018 
A- A+

A pasada semana comezou o 8º Ciclo de Sesións Didácticas que a Escola Municipal de Música (EMM) de Santiago realiza nos centros de ensino de educación infantil e primaria de Compostela. Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM é o título deste programa, que se desenvolverá ao longo dos meses de marzo e abril e no que está prevista a participación de máis de 500 escolares.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acudiu este martes á sesión celebrada no CEIP Ramón Cabanillas. Alí, os profesores Francisco García, guitarra eléctrica, e Antonio Ocampo, percusión, falaron dos seus instrumentos facendo un percorrido pola súa orixe e evolución. Describiron as calidades dos mesmos ao tempo que interpretaron diversas pezas a modo de explicación.

En cada xornada do ciclo, dous profesores da EMM percorren os centros educativos da cidade. A parella de profesionais agrúpase por instrumentos, describindo as súas características e posibilidades melódicas e explicando as diferentes formas musicais de interpretación. Durante a sesión de 50 minutos fanse tamén xogos arredor dos instrumentos e explícase a orixe e a evolución dos mesmos.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

A Escola Municipal de Música

A Escola Municipal de Música, como centro público dedicado ao ensino musical, ten como obxectivo fomentar dende a infancia o coñecemento e a apreciación da música, iniciando os nenos e nenas dende as idades máis temperás na súa aprendizaxe. A matrícula total da EMM neste curso escolar 2017-2018 é de 407 alumnos/as.

O equipo docente da EMM está formado por 20 profesores e profesoras que imparten as especialidades instrumentais de: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, frauta, clarinete, gaita, percusión, piano, saxofón, trompeta, acordeón, trombón, bombardino, trompa, arpa, percusión tradicional e acordeón tradicional.