El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Os 'Labirintos líricos' das Cidades Patrimonio chegan á praza da Quintana

A instalación está formada por 15 prismas, un por cada cidade, que se converten nunha especie de lenzo no que se escribe un verso ou un poema dun autor local

Unha vista dos prismas - FOTO: CDS
Unha vista dos prismas - FOTO: CDS

CDS  | 19.05.2017 
A- A+

Este venres quedou instalada, na praza da Quintana, a composición artística Labirintos líricos, promovida polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e desenvolvida polo colectivo Boa Mistura. A peza foi presentada nun acto no que participaron o alcalde, Martiño Noriega, e o arquitecto responsable da instalación Pablo García, e ao que non puido asistir María do Cebreiro, autora do verso integrado na composición.

Labirintos líricos é unha obra conxunta que leva viaxando polas Cidades Patrimonio dende o pasado mes de setembro, e que estará na praza da Quintana ata o próximo domingo. A instalación está formada por 15 prismas, un por cada cidade, que se converten nunha especie de lenzo no que se escribe un verso ou un poema dun autor local. No caso de Compostela, a elixida foi María do Cebreiro, cun verso do poema "Marte" que di: "O presente é o verdadeiro protagonista do tempo". Para lelo, é preciso observar a composición dende diferentes perspectivas, e en cada unha delas, en diferentes cores, lense as palabras que compoñen o verso.

Cos versos elixidos en cada cidade, Boa Mistura elaborará un poema conxunto do Grupo de Cidades Patrimonio, que recolla a esencia de cada urbe, e que mostre a diversidade do grupo con versos escritos en galego, castelán e catalán.