El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

COMPOSTELA

O Goberno local destina 360.000 euros a bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares

Están dirixidas ao alumnado dos centros docentes públicos en concertados que cursen segundo ciclo de Educación Infantil ou Primaria // O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, unha vez as bases sexan publicadas no BOP

CDS  | 19.05.2017 
A- A+

A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares. O alcalde, Martiño Noriega, salientou que o Concello destinará a estas axudas un total de 360.000 euros, a mesma contía que no curso pasado, "cando se duplicou a partida prevista inicialmente para atender a todas as demandas". Ademais, sinalou que "de ser necesario, aínda se podería aumentar esa partida orzamentaria, co obxectivo de que ningunha persoa que o necesite quede sen esas bolsas".

As bolsas para comedor, material escolar e actividades extraescolares están dirixidas ao alumnado dos centros docentes públicos en concertados que cursen segundo ciclo de Educación Infantil ou Primaria. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, unha vez as bases sexan publicadas no BOP.

Subvencións a entidades sociais
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiron luz verde os convenios de colaboración con entidades de carácter social para o ano 2017. En total, repartiranse 235.000 euros.

As achegas máis importantes serán para a Cociña Económica e para FEAFES-Galicia, que percibirán 60.000 euros cada unha, seguidas da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, con 45.000. Tamén foron aprobados os convenios coa Fundación Secretariado Gitano (23.000 euros), a Fundación Down Compostela (10.000 euros) e ACEM (9.000 euros). ASPAS recibirá 6.000 euros; a Asociación Itinera, 5.000; a Asociación Fonte da Virxe, 3.500 euros, e Agadea, Acadar, ASPANAES e a Fundación Andrea, 3.000 euros cada entidade. A lista de convenios péchase con Sarela, que recibirá 2.000 euros.

Por outra parte, a Xunta de Goberno deu conta do acordo acadado co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para condonar a débeda que o Concello mantiña con esta entidade, e que se achegaba aos 13.500 euros. Esta débeda responde a que o Concello non pagou as anualidades correspondentes aos anos 2011, 2012 e 2013. O alcalde explicou que "tampouco se pagara en tempo a anualidade de 2014, pero o Goberno actual conseguiu afrontar esa débeda". Agora, o compromiso é o de incrementar a cota anual que ten que pagar o Concello ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para compensar a débeda existente.