El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O aluguer turístico xera en Santiago oito millóns de euros sen fiscalizar

É a conclusión dun estudo encargado por CA a unha consultora // Segundo Marta Lois, "estímase que no 2017 houbo máis de medio millón de pernoctacións neste tipo de aloxamentos en Compostela // A metade da superficie habitable dispoñible na améndoa destínase ao turismo // O Concello impulsará medidas para limitar o aluguer turístico na zona histórica

Os concelleiros Marta Lois e Jorge Duarte durante a presentación do estudo - FOTO: CDS
Os concelleiros Marta Lois e Jorge Duarte durante a presentación do estudo - FOTO: CDS

SANTIAGO. CDS  | 13.03.2018 
A- A+

Os concelleiros de Turismo e de Espazos Cidadáns, Marta Lois e Jorge Duarte, presentaron este martes os principais resultados do estudo sobre a situación do aluguer turístico que se elaborou dende o Concello ao longo do 2017.

Para levar a cabo este estudo contratouse a unha consultora que desenvolveu un aplicativo web para a consulta da evolución das vivendas de uso turístico que se ofertan na cidade nas principais plataformas electrónicas do sector e a xestión futura dos expedientes relativos ás mesmas. Este aplicativo permitiu contar con datos o máis precisos posibles que, cotexados con datos doutras fontes municipais e externas, permitiron perfilar a situación actual deste fenómeno na cidade.

Marta Lois expuxo os principais datos que se poden extraer do estudo realizado. Segundo sinalou a concelleira, "estímase que no 2017 houbo máis de medio millón de pernoctacións neste tipo de aloxamentos en Santiago, cun impacto directo de 8,5 millóns de euros sen fiscalizar". Ademais, en decembro de 2017, había un total de 717 anuncios de vivendas ou habitacións de vivendas turísticas nos principais portais web de aluguer turístico, que sumaban unha oferta de 3.118 prazas de aloxamento. "Isto supón incrementar nun 30% a oferta de prazas en Santiago", indicou Lois.

A isto cómpre sumarlle as prazas correspondentes ás vivendas de uso turístico rexistradas na Xunta de Galicia, co que a cifra final de prazas dedicadas na cidade a un alugueiro de uso turístico situaríase nas 4.325 prazas, cando o total de prazas regradas ronda as 8.200, sumando hoteis, pensións, apartamentos e aloxamentos de turismo rural.

Na mesma liña se pronunciou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, quen sinalou que "practicamente o 50% da superficie habitable dispoñible na améndoa destínase a superficie turística", o que provoca unha redución da oferta de vivenda en aluguer para os veciños e as veciñas, que a súa vez ten como consecuencia un aumento dos prezos de aluguer para a poboación local.

Consecuencias

Marta Lois explicou as principais consecuencias que ten para Compostela a existencia de prazas deste tipo. "En primeiro lugar –apuntou- supoñen competencia desleal contra o sector turístico regrado, que sigue as normativas e paga os seus correspondentes impostos". Ademais, implica a "redución dos ingresos das administracións públicas vía impostos, en tanto que na maior parte dos casos os propietarios e propietarias das vivendas non declaran a actividade económica que desenvolven". Por outra parte, implica o incremento no prezo dos alugueres dedicados a poboación residente e, como consecuencia, o baleirado demográfico das zonas turísticas.

Plan de control

O Concello impulsará nos vindeiros meses unha serie de medidas para limitar o aluguer turístico na zona histórica artellando un sistema de control efectivo con inspeccións nas vivendas e co respectivo establecemento de multas a aqueles propietarios e propietarias que non sigan as normativas correspondentes. "A nosa intención é que este programa de control e imposición de multas se poida facer en colaboración coa Xunta de Galicia, coa que queremos fixar liñas de coordinación", sinalou Duarte.

Este mecanismo de control e inspección irá acompañado dunha campaña de concienciación dirixida ás persoas propietarias de vivendas na cidade histórica, xunto con outra campaña orientada aos turistas e visitantes semellante á que se levou a cabo en cidades como Barcelona.