El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ Á beira do Sar }

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

A erítica do poder

17.02.2017 
A- A+

En política non hai que confundir a erótica coa erítica. Eros e Eris sonche deidades distintas. Iso ben o sabían os filósofos da política alá polo século XVIII, pero neste noso século xa non quedan filósofos da política; só temos politólogos, que van de científicos da ciencia do poder. E aí é onde se matan, porque xa Heidegger nos deixou avisados de que “a ciencia non pensa”. Moito se ten mallado neste filósofo desde ese día que semellante provocación guindou naquela lección mítica de Friburgo; e aínda moito queda por mallar nestes tempos nos que as ciencias colonizan todo, mesmo as academias das Letras: aquí a nosa RAG xa meteu dentro un físico. Cando Gregorio Marañón entrou na RAE, Juan Ramón Jiménez preguntou que facía un médico na Academia da Lingua, e el mesmo se respondeu: “Estará para mirarlles a lingua aos académicos”. Se JRJ estivese hoxe na nosa RAG igual se preguntaría que fai un físico na Academia. “Estará para mirarlles a materia aos académicos”. Porque os académicos de agora presumen moito de espírito pero en non poucos deles só che hai materia.
Pero volvamos á erítica do poder porque este concepto axuda un pouco a entender a fenomenoloxía narcisíaca que se está producindo nos partidos políticos representada con especial excitación nos célebres congresos de recente ou próxima celebración a base de celebrities. Porque iso é o que está pasando nos partidos: deixaron de dar líderes e só fabrican celebrities que tentarían á mesma Eris, esa deidade especializada na coquetería e vaidade das deusas. E dicimos deusas en unisex, seguindo a moda gramatical que habilita o morfema de feminino como termo non marcado (coma cando se di “Podemos para todas”), porque en efecto nas asembleas destes días empeza a propoñérsenos que procedamos coma naqueloutro congreso mitolóxico no que concorrían as celebrities Atenea, Venus e mais Hera, entre as que Eris mandou escoller a máis guapa. E velaí que nesas semella que estamos, nun revival daquel desfile pero coas novas deusas: María Dolores, Soraya, Mariano, Íñigo, Pablo, todas elas divinas, desmelenando coletas coma Charlize Theron entre os espellos de Versalles, j’adore, je t’aime, moi non plus. Queda inaugurada a erítica do poder, a lei kallisti: votade pola máis narcisa. O malo é que así empeza sempre a guerra de Troia.

Escritor