El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

punta balea

XOSÉ CERMEÑO

Vellas librarías e novos lectores

13.03.2018 
A- A+

VEXO estes días como pecha outra veterana libraría. Forma -ou formaba- parte da paisaxe sentimental da miña vida, porque estába situada en fronte do casa na que viviron os meus avós e a dez metros da tenda de coloniales que o meu avó gobernou. Detívenme moitas veces a ver no seu escaparate os libros que alimentaban a súa oferta habitual, de aire náutico: obras sobre barcos, sobre baleas, tamén sobre viaxes oceánicas e sobre cociña dos peixes. Marabillas, aos meus ollos de neno ou de adolescente, porque eran temas que me entusiasmaban e aos que gardo hoxe a debida fidelidade: alí estaban, xuntos e algo revoltos, libros que falaban das tartarugas mariñas, da historia dos trasatlánticos, da pesca ao curricán, de faros e mareas... Algunhas veces entrei para saír con algún pequeño tesouro.

Xa me tocou ver baixar a persiana a moitas librarías das que fun cliente frecuente, en Santiago, en Vigo, na Coruña, en Ferrol, en Madrid, no Porto.

Pechan as pequenas librarías porque o negocio do libro mudou nos últimos anos: compramos doutra maneira e algúns libreiros din que o negocio do libro segue a ter unha especial recompensa emocional, pero que comercialmente non da para moitas alegrías. Os fillos dos libreiros non queren ser libreiros, se me admiten unha afirmación que pecará por exceso, porque o que ocorre é que non queren ter o mesmo tipo de libraría que tiveron seus pais.

Seguramente o negocio do libro non tivo nunca tanto movemento como ten agora. Grazas a internet resulta moi sinxelo conseguir libros de Francia, de Estados Unidos, de Alemaña ou de Almería. De calquera lugar pequeno e remoto e en calquera lingua. Tan fácil é que nin sequera podiamos imaxinalo hai vinte anos. E resulta tamén facil mercar (e vender) libros vellos ou usados, ou conseguir exemplares de edicións esgotadas ou obras esquecidas polas que de pronto sentimos unha urxente necesidade. Desde bibliotecas situadas no cabo do mundo podemos recibir libros e documentos que, grazas ás descargas electrónicas, cruzan mares e continentes en segundos para chegar aos nosos ordenadores ou tabletas como antes so pasaba nas películas de ciencia ficción.

En fin, as librarías non morren. Se acaso, están mudando. Diante do escaparate baleiro do comercio desaparecido sentimos saudades de nós mesmos e do neno que fomos, que é unha melancolía inútil. Pero sabemos que o xeito de vender e facer circular os libros medrou e mellorou en moitos aspectos grazas á combinación de librerías veciñas con outras remotas .

Como escribiu a poeta Wislawa Szymborska, nada pertence á memoria, todo é meu mentres o contemplo.

Escritor e xornalista