El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

XOSÉ CERMEÑO

Intelixencia de oito patas

13.02.2018 
A- A+

NA paisaxe diaria, e mesmo na casa, de moitos galegos hai algún animal. Cans ou gatos para os moradores do asfalto e tamén vacas, cabalos, porcos ou galiñas para os que viven fóra da cidade. Outros bechos que forman parte do noso entorno, polo menos nun sentido cultural e culinario, ainda que non convivamos con eles. Seguramente é o polbo un dos que teñen mais fans, especialmente se é cocido por algunha das portentosas polbeiras de Arcos, no Carballiño. O polbo é un animal con todas as condicións para formar parte de mitos e lendas: a súa facilidade inquietante para mudar a sua forma e cor, a sua capacidade para expulsar unha nube de borro que o oculte cando se ve atacado, o seu corpo escorregadizo, viscoso, informe...

Un ser así é considerado en moitas culturas un becho indesexable na mesa, case repugnante. E noutros países esperta fantasías turbadoras, como os amores entre cefalópodos e pescadoras que forman parte da iconografía erótica xaponesa e inspirou tamén a artistas como Picasso.

Para nos, o polbo é un animal que gaña interese nas grandes potas das feiras e festas. Pero en tempos recentes as habilidades dos polbos chamaron, e moito, a atención dos biólogos. Unha vez visitei o Centro Oceanógráfico de Vigo, nun momento no que estaban moi interesados en coñecer as condicións para a produción de polbos en catividade. E contáronme as mil falcatruadas que os polbos que servían para a investigación levaban feitas nas instalacións e a súa facilidade para fuxir das piscinas por buratos inverosímiles. Toda precaución era pouca con animais capaces de levantar tapadeiras, mover condutos de auga, abrir, romper e cambiar calquera peza da instalación, por difícil que fose.

Se decimos que o polbo, como os chocos, son moluscos, é dicir, parentes dos berberechos e dos caracois, podería parecer que estamos a falar dun ser con poucas luces para descubrir e aprender condutas novas, pero hai anos que coñecemos por internet os videos de polbos abrindo un frasco de cristal para comer o caranguexo que estaba dentro.

Un profesor australiano -Peter Godfrey-Smith- no que se xuntan mil coñecementos de filosofía, de submarinismo e bioloxía, publicou un libro marabilloso (Otras mentes, Taurus) no que trata de entender a formación da sorprendente intelixencia dos polbos, que probablemente evolucionou a partir dun ancestro de hai seiscentos millóns de anos, un ancestro do que tamén derivaron as neuronas dos vertebrados, incluidos os humanos.

Quizais antes de tomar o próximo prato de polbo resulte conveniente adoptar algunha forma de cortesía e saúdar: "Bos días, señor polbo, espero que este aceite de oliva e este pemento da Vera sexan do seu agrado". Por se acaso.

Escritor e xornalista