El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

VÍCTOR FURELOS

O mestre Mella voa para sempre pero deixa un legado imposible de igualar

14.01.2018 
A- A+

O día de Reis despertou cuberto dunha brétema mesta que dificultaba o labor dos conductores e ata dos peóns ó tempo que de seguro que impedía as manobras de avionetas ou helicópteros. Aínda así o mestre José Mella foi quen de voar por última vez para vixiar desde o ceo a todos os seus, que son moitos.

A igrexa de Rarís encheuse de tristura para despedir a unha das figuras senlleiras da aeronáutica, a un dos homes máis importantes da aviación galega de todos os tempos.

Cando era aínda un mozo naceu a súa relación cos avións, aínda que empezou paseniño e o seu medio de transporte para achegarse cada día a Lavacolla era a bicicleta.

José Mella Pascual educouse no difícil mundo da aeronáutica a costa de moito esforzo e así foi como chegou a ser instructor. Das súas ensinanzas naceron moitísimos pilotos de diferentes compañías e ata do exército.

Cando lle concederon o Diploma Paul Tissandier -considerado no sector como o Nobel da aeronáutica e que está en mans duns poucos privilexiados- foi obxecto dunha homenaxe que reuniu a preto de catrocentas persoas, a maioría comandantes ou pilotos das máis destacadas liñas aéreas chegados de todos os puntos de España.

O seu labor non se cinguía só á formación. Tamén mantiña en perfecto estado de revista as avionetas do Aero Club santiagués, o que permitía que os seus socios puidesen voar moi por debaixo dos prezos que se fixaban en outras sociedades.

Pero o máis grande labor formativo de José Mella Pascual foi en Rarís, na súa propia casa, cos seus fillos, e man a man coa súa muller Nélida que tiña que cubrir moitas veces as súas ausencias. Se este gran home estaba orgulloso da súa profesión, aínda inflaba máis cando falaba dos seus fillos José Manuel, hoxe comandante instrutor de Air Europa, e Gonzalo, que despois de xogar no Calo chegou a vestir as camisolas do Deportivo e do Compostela.

Pero se había un rasgo que definía ó mestre José Mella ese era a humildade. Consciente das súas orixes e sempre mentalizado co traballo trataba de contaxiar ese espíritu a todos os que o rodeaban. Sabía que sen esforzo era difícil alcanzar algunha meta salientable.

Na Volta Aérea a España que organizou a Aero Club de Santiago -a que máis sona tivo de todas e que contou con 53 avionetas, cifra que nunca se igualou- non deixou de animar e aconsellar ó seu fillo José Manuel e a outro xoven piloto alumno seu que logo fixo carreira, Roberto Pérez, hoxe xefe de flota en Air Europa. Sabía que na constancia estaba o segredo do éxito.

José Mella voou o día de Reis a ese ceo que tantas veces surcou e no que sabía regatear todas as dificultades. O mestre foise. E fixoo despois de ser condecorado coa Medalla ó Mérito Aeronáutico e de recibir o Diploma de Honor do Real Aero Club de España. A pena é que nunca chegou a ser profeta na súa terra.

É certo que o Aero Club lle concedeu a Medalla de Ouro coa súa xubilación. Pero non era para menos. ¿A qué debe o seu nome o Aero Club? ¿Ó golf? ¿Ó tenis? ¿Ás piscinas? O que fixo o mestre Mella por manter o espíritu aeronáutico nesta sociedade santiaguesa non hai medalla nin diploma que o pague.

E que decir do Concello de Teo, onde naceu e viviu e onde semella que non apreciaron nunca a súa valía nin os grandes logros que sempre se souberon por boca de outros. Porque el non sabía nin quería presumir deles. E ben que podía facelo.

Foise o gran mestre Mella, o home que foi berce dunha ringleira interminable de grandes profesionais no mundo da aviación. Fixo escola e ten moita culpa na boa sona que teñen os pilotos galegos. Co seu xeito de entender a vida, dando sempre moito máis do que recibía, de seguro que van ser moitos os que o boten de menos.

A comisión do Xacobeo 2021 debe pisar máis o Camiño que o despacho

O presidente da Xunta anunciou que se da luz verde a unha comisión organizadora do Xacobeo 2021 para non repetir os problemas de improvisación sufridos na edición de 2010.

Nesa comisión haberá unha cabeza visible e representantes da Xunta. E vaise invitar tamén ó Arzobispado, Concello de Santiago e representantes de cinco municipios polos que pasa o Camiño e que serán designados pola Fegamp.

Esta comisión non debería esquecer a razón de ser do Xacobeo, que non é outra que o Camiño de Santiago con todas as connotacións relixiosas que ten, mal que lles pese a algúns políticos que pensan que por ter alerxia á igrexa son máis modernos ou teñen un atractivo especial.

Os membros da comisión do Xacobeo deberían empezar a construir a casa polos cimentos. E terían que repartirse para facer varias xornadas como peregrinos nos diferentes Camiños. Pero hospedándose en albergues e non en hoteis ou hostales con máis comodidades.

Ese é o xeito de entender o fenómeno do Xacobeo. É necesario formar parte dese mundo e vivilo en primeira persoa. Hai que pisar máis o Camiño que o despacho. ¡Xa está ben de teóricos!.

O Xacobeo é o Camiño, é a catedral, é o botafumeiro... e despois o resto de monumentos ou, incluso, a gastronomía. Pero non sei de ningún alemán que veña a Santiago coa única idea de tomar unha empanada ou unha cunca de Ribeiro. Veñen pola atracción do Camiño, que é o noso mellor valor do turístico.

ATENCIÓN ALCALDES VIAXEIROS: CHEGA A FESTA DE FITUR

Unha das datas anotadas na axenda de moitos alcaldes coincide coa celebración de Fitur, unha das feiras máis importantes do mundo en torno ó sector turístico que este ano é do 17 ó 21 de xaneiro.

O desembarco de rexedores nesta feira en Madrid ven sendo algo habitual. Alí teñen a oportunidade de achegarse as marabillas de Cuba, as paisaxes de República Dominicana, á gastronomía de Grecia, ós bailes do Congo e ata á fauna dalgunha illa recóndita de Asia.

É certo que Fitur sempre axudou a culturizar ós nosos alcaldes, pero a súa desculpa para viaxar a Madrid era promocionar a localidade que representan ou festas que nunca se soupo que se encheran grazas a Fitur.

Sábese de moitos que acabaron esgotados despois de visitar un expositor tras outro acaparando documentación e algún que outro pequeno agasallo... e algúns probaron comida dos cinco continentes nun día. ¡Qué duro é ser alcalde!

O que é máis difícil de atopar é un rexedor que axudase a aumentar o número de turistas no seu Concello grazas ás súas xestións en Fitur.

Os profesionais van á feira madrileña a traballar. Saben que en apenas catro días poden solventar o negocio de todo o ano. As reunións e charlas con turoperadores son continuas.

Pero os alcaldes van alí a pasalo ben a gastos pagos. E para facer unha viaxe dese tipo non é necesario gastar cartos do Concello. Chega Fitur e o único que se lle debe pedir ós alcaldes que decidan desplazarse a Madrid son resultados. As viaxes para pasalo ben que as paguen do seu peto.