El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

flash

JOAN RIBOT

Un ano para soñar

13.01.2018 
A- A+

POR fin xa chegou o 2018, que temos por diante (case enteiro) por estrear. Os últimos días do 2017, todo foron parabéns para o novo ano. Desexos de felicidade en forma de whatsapp, christmas e brindes. Todos eles coa mesma carta de presentación: ilusión fronte a tristura, saúde fronte a enfermidade e sorte.

A última mensaxe que recibín, dicía que hai regalos materiais e outros que van máis alá; desexándome o regalo da felicidade e que cada día que pase sexa máis grande.

Pero entre as mensaxes ben intencionadas, algunha movíase maliciosamente noutra dirección. Queridos Reis magos -dicía unha-: pídovos perder vinte quilos e ter un bo tipo en seis meses. E estes contestáronlle: Querido rapaz, recomendámosche traballar máis e comer menos. Parece abrupto, pero de cando en vez os Reis vense obrigados a recordar cousas menos agradables para que non nos levemos a engano.

Nunha entrevista unha muller que tiña unha grave enfermidade dixo que cada día é un regalo. Casada cun italiano de quen namorou en Venecia, tiña superado dúas complicadas operacións e estaba á espera dunha terceira. Para min -dixo- cada día é unha caixa envolta cun lazo que, cando a abres, te vai ofrecendo unha sorpresa trás outra. Eu non me fixo na miña discapacidade, senón no que son capaz de facer. Non podo vestirme nin andar, pero podo pintar.

Algo parecido dixo Martín Descalzo nos oitenta. Para saír airosos na vida hai que ser capaz de dar dous pasos. O primeiro, coñecerse, para non amargarse. E o segundo, esixirse, para non caer na mediocridade.

Os soños están para ser realizados, partindo dos puntos fortes que temos. Algúns fanse realidade en meses ou anos e outros nunca, pero para atrapalos hai que ter a valentía de perseguilos. Cando non o facemos, é porque non os anhelamos de verdade.

Hainos que foron quen de aprender un idioma, montar u­nha empresa ou deixar de fumar. Pero ninguén o conseguiu lendo mensaxes que falaban dunha felicidade desconectada do espírito de superación. Se Mandela e Nai Teresa non se tiveran posto en marcha para cambiar Sudáfrica e axudar aos pobres máis pobres, pensando que era imposible, os seus soños seguirían no limbo. Pero conseguiron facelos realidade, con esforzo, convencidos de que valía a pena.

Técnico da Seguridade Social