El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Vivat Academia

MERCEDES BREA

Improvisación e precariedade na universidade

12.07.2018 
A- A+

NESTE mesmo mes de xullo, e con lixeiras excepcións, rematan definitivamente o seu contrato aqueles investigadores postdoutorais do programa I2C da Xunta de Galicia que iniciaron a súa traxectoria en 2012, a primeira convocatoria dunha acción que propoñía un proceso formativo ben deseñado, con dous anos de estadía en centros de referencia de fóra de España e a posterior integración en grupos de investigación do SUG.

Estas persoas foron sometidas a unha primeira avaliación externa para acadar un contrato na modalidade A (formación postdoutoral) que lles permitise traballar eses dous anos en institucións foráneas; unha segunda avaliación ao finalizar a estadía, para ter acceso a un ano de reincorporación a unha universidade galega; unha terceira, que acreditaba o cumprimento dos obxectivos desa primeira fase; unha cuarta, para competir por un contrato da modalidade B (consolidación e integración). E, neste momento, estanse a someter a unha última avaliación, semellante á coñecida como I3 para programas de ámbito estatal.

A pregunta que se están a facer é clara: Para qué? As universidades galegas non saben qué facer con estes doutores que se esforzaron tanto durante cinco anos, que sufriron unha presión tan forte e que produciron resultados de excelencia, como se pode apreciar nos informes de avaliación recibidos. Ben é certo que as universidades de Vigo e Santiago de Compostela están case estreando equipos de goberno novos, que probablemente descoñecían os pormenores deste programa e a situación concreta duns investigadores para os que só parecen abrirse dúas vías: unha nova emigración (nesta ocasión, probablemente definitiva) ou engrosar as listas de desemprego.

Realmente, pode Galicia permitirse desperdiciar desta maneira o diñeiro, o tempo e os esforzos investidos tanto pola Xunta como por cada un destes investigadores? A Secretaría Xeral de Universidades deseñou este programa como unha forma de apoiar a unhas universidades que (moi particularmente, no caso da USC) están experimentando un número de xubilacións significativo nestes últimos anos, co obxectivo de que dispuñeran dun recambio potente e competitivo que garanta a calidade do sistema. A crise recente -e, nalgúns casos, a falta de planificación e previsión por parte das universidades- impediu unha renovación que se sabía necesaria e que debería terse producido de xeito progresivo. Agora dispoñemos de persoal altamente cualificado, e ímolo deixar perderse sen facer nada para integralo e estabilizalo?

A Consellería, cun criterio bastante acertado, non parece ter intención de prolongarlles esta situación de precariedade, porque considera que estes investigadores están suficientemente formados para pasar a formar parte do PDI estable das universidades, ás que tanto teñen que aportar. En todo caso, podería apoiar esa estabilización do mesmo xeito que o fai o Ministerio, é dicir, aportando financiación para os primeiros anos de contrato.

Non cabe dúbida de que a pelota está no tellado das universidades. Probablemente, á vista do que está a acontecer, deban sentarse coa Consellería para analizar os resultados do programa e valorar posibles modificacións do mesmo en anos vindeiros. Pero, agora mesmo, de verdade non teñen forma de absorber este capital humano tan competitivo? Son tan bos que nin sequera hai que cerciorarse de que a área á que están adscritos é "deficitaria" (ou o vai ser en breve prazo); se non poden dedicarse só á investigación (sería outra opción), están perfectamente cualificados para asumir docencia de áreas afíns que precisen reforzo e non teñan persoal tan ben formado.

Catedrática de Filoloxía Románica na USC