El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO

Grupo poético Alalá

21.04.2017 
A- A+

AO mesmo tempo que hai que lamentar a evaporación da Literatura do sistema educativo, incluído o Bacharelato, baixo a premisa de que a persoa debe prepararse pensando na empleabilidade e non na formación integral -oh tempora oh mores!-, a sociedade máis concienciada do valor da cultura como elevadora da dignidade humana, de vehículo privilexiado de intercomunicación, cooperación e tolerancia entre persoas e pobos, e como produto imprescindible da nosa alimentación non corporal tan precisa, vaise organizando para suplir coa súa acción o desleixo dos gobernantes co que máis nos constrúe como persoas.

E xa non digo os profesionais que se dedican a crear e teñen que afinar a imaxinación para seguir sacando á luz produtos en tempos difíciles, porque non to- do o mundo ten posibilidades para autoeditarse e para autoproducir proxectos ben interesantes que precisan desembolso inicial recuperable mais que hai que adiantar para dar os pasos necesarios do seu desenvolvemento. Dentro da cultura, que ten sempre a creatividade humana como base, hai produtos de elaboración máis custosa que outros para mostralos acabados.

A literatura e das artes que mesmo permite unha aproximación ao público de forma directa que só precisa da vontade de quen crea e do público que desexe percibir a palabra máis elaborada. Se falamos de poesía, a transmisión pode facerse dignamente por medio de recitais en instalacións adecuadas, coa aportación que poden prestar as novas tecnoloxías e a presenza doutras artes que potencien a emoción que procura espertar a palabra poética.

Neste sentido colaborativo e de comunicación directa co público fai cultura n'As Pontes o Grupo Poético Alalá, que se xunta semanalmente na Biblioteca Municipal, tendo a bibliotecaria Anabel Alonso como activa colaboradora. Fundado en 2003, ten actividade continuada de creación e comunicación co público nos recitais que organiza ano a ano no salón de actos da Casa Dopeso, un pola primavera e outro polo outono, e tamén coa presenza dos seus membros en centros de ensino.

Nestes recitais reciben como convidados a un creador ou creadora das varias xeografías, xeracións e poéticas que ten hoxe en Galicia. Colabora no acto alumnado do Conservatorio Profesional de Música, ao coidado do seu director José Manuel Campello Blanco, rapazas e rapaces de diferentes cursos con repertorio de piano, guitarra e instrumentos de vento, ben como solistas ou ben en pequeno grupo. Nos recitais, o Grupo Poético Alalá usa o apoio audivisual con imaxes e a grafía sincronizada dos textos lidos.

Este pasado 7 de abril, proxectaron imaxes do parque do Pasatempo de Betanzos. Forman este colectivo Aníbal Ánxel, Gloria David, Santiago del Moral, Ofelia López (que son membros fundadores), Silvia Pardo, Montse Pa-rdo e Mari Carmen Freire. Teñen publicado Cinco sentidos (2005), con textos dos membros fundadores, e Dez anos de poesía nas Pontes (2013), que inclúe textos dos poetas convidados.

Escritora