El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

AFONSO EIRÉ

Coruñesismo e viguismo

13.01.2018 
A- A+

ANDAN a comparar agora a Abel Caballero e a Francisco Vázquez como alcaldes. Abofé que teñen semellanzas. Ambos souberon collerlle o pulso as respectivas cidades e darlle aos seus cidadáns o que arelaban, sustentando así as súas amplas maiorías electorais, coa axuda dos medios de comunicación locais postos ao servizo da súa propaganda.

Aí rematan as súas semellanzas. Que os dous militaron no PSOE...? Pero nin un, nin outro realizaron unha política que, socialmente, se poda denominar avanzada. E, mentres que o alcalde coruñés se apoiaba no PP e axudaba a Fraga, o alcalde vigués basea boa parte da súa política no victimismo e na confrontación coa Xunta.

Logo daquel pleno do Parlamento no que se aprobou a capitalidade de Galiza en Compostela e Paco Vázquez se sacou da manga aquela presunta ameaza, "cuidate ti e coida dos teus fillos", viu que o seu futuro estaba en rentabilizar a situación de desencanto que lle inculcaran a maior parte da cidadanía coruñesa.

O alcalde coruñés non só procurou potenciala, coa axuda da Lóxia C-2, senón que, convertido en Pincipito, deseñou unha serie de obras fastuosas que paliasen ese desamparo capitalino... E deuse a casualidade que estas grandes obras axudaron a facerse ricos a moitos dos seus amigos.

O Vigo de hoxe é moi diferente daquela Coruña, segue a ser unha vila sin identidade nin un proxecto común futuro. Móvese por parroquias e por barrios. Máis que as ideas, contan pequenas cousas diarias.

Fronte a un Paco Vázquez distante e soberbio, Abel Caballero é o alcalde próximo, traballador, que non só coñece a cidade palmo a palmo, senón tamén a boa parte dos cidadáns. E, fronte as grandes obras simbólicas coruñesas, el practica a dos bancos para sentar, a do árbore, a da papeleira e, sobre todo, os actos multitudinarios nos que mestura a afirmación viguista coa vasalaxe ao alcalde. E, para aproximarse ao Rei Sol que foi Paco Vázquez, desmonta todo proxecto de gobernos anteriores para que non quede trazas e brille só o seu nome. Tanto que os seus achegados demandaron publicamente "apareza nas placas en todas as obras de humanización que leve a cabo".

E se desaparecen todos os eventos culturais e se inutilizan os museos... Vas comparar un ciclo de cine, do pop, de rock ou de jazz..., coa cabalgata de reis, co desfile do entroido ou co acendido das luces de nadal. Gastou máis que todas as cidades galegas xuntas, pero na noite daquel sábado de decembro había máis de cen mil persoas no centro de Vigo... E o seu desfile en solitario diante da cabalgata... Imposíbel superalo!

Que culpa teñen eles, só lle dan o que queren os cidadáns. Coruñesismo e viguismo, tan diferentes e tan iguais.

Xornalista