El Correo Gallego

Noticia 19 de 313 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Do grupo Mílson´s

O videoclip 'Este vaise' promove a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

A Deputación de Ourense colabora con esta produción audiovisual que foi presentada hoxe no Castelo de Castro Caldelas // Manuel Baltar felicitou aos que protagonizaron e aos que fixeron este proxecto porque "realmente asumiron a esencia dun pobo como o de Ourense"

D.O.  | 13.03.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe, no Castelo de Castro Caldelas, na presentación do videoclip "Este Vaise", do grupo Mílson´s, que promove a candidatura da Ribeira Sacra a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e exalta as tradicións e a cultura con imaxes dunha das festas máis antigas de España como é a Festa dos Fachós en Castro Caldelas que data do ano 1753.

Manuel Baltar destacou na presentación que para a Deputación de Ourense é "unha obriga estar nun proxecto destas características videográfico e musical, baseado na Ribeira Sacra, pero cun protagonismo especial de Castro Caldelas porque foi durante a Festa dos Fachós cando se rodou gran parte do contido deste vídeo, onde tamén aparece Rubén Riós e no que se fala dunha temática importante para a nosa provincia como é a emigración".

"Este proxecto encaixa dentro da promoción da Ribeira Sacra, un traballo polo que estamos a loitar para que sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO", e dixo "creo que xa é patrimonio mundial só falta un distintivo, pero ninguén pode negar que estas terras, estas paraxes, e sobre todo, as xentes que viviron aquí durante séculos merecen esa categoría e teñen un mérito especial", explicou Baltar.

Asemade, o presidente do goberno provincial felicitou aos que fixeron este vídeo e aos que o protagonizaron porque "realmente asumiron a esencia dun pobo como o de Ourense, e dunha zona como esta da Ribeira Sacra".

Esta produción audiovisual, que ten como obxectivo poñer en valor e dinamizar esta zona, mostra a beleza natural e paisaxística da Ribeira Sacra, e recoñece o labor dos Bodegueiros da zona que construíron o mundo da xa famosa "Viticultura Heroica" e tamén homenaxea a tódolos galegos que tiveron que partir destas terras.

No vídeo participan, ademais dos músicos de Mílson´s, a cantante Andrea Pousa, o actor Rubén Riós, veciños de Castro Caldelas, O Folión de Castro Caldelas, o grupo de gaitas Os Trabazos de Caldelas, e o grupo de gaitas Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas.

Este videoclip é unha produción da compañía de espectáculos Queima e Pousa, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia, do Concello de Castro Caldelas, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.