El Correo Gallego

Noticia 11 de 252 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Sétima andaina solidaria de Nogueira de Ramuín será a favor dos afectados polo lume

A proba, con dúas rutas de 18 e 10 quilómetros, terá lugar o vindeiro sábado, 2 de decembro

OURENSE. 28|11|2017  | 29.11.2017 
A- A+

O Concello de Nogueira de Ramuín organiza a sétima edición da súa andaina solidaria, que nesta ocasión se desenvolverá a favor dos afectados polo lume, baixo o lema "Todos contra o lume, o noso monte importa". A proba deportiva que terá lugar o vindeiro sábado, 2 de decembro, foi presentada hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o tenente de alcalde e o concelleiro de Seguridade de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto e Manuel Pereira, respectivamente.

O vicepresidente da Deputación destacou "a variada e dinámica actividade deportiva que organiza o Concello de Nogueira de Ramuín ao longo de todo o ano, como esta andaina que percorre as paraxes de maior beleza da contorna nesta época do ano". A proba ofrece aos participantes dous posibles percorridos, unha ruta longa de 18 quilómetros e outra curta, de 10 quilómetros. A saída para ambas será o vindeiro sábado, as 10.00 horas desde a Praza do Afiador de Luíntra.

Os interesados en participar poden anotarse ata o mesmo día da proba, sendo 7 euros o prezo da inscrición. Ademais está aberta unha fila cero para todos aqueles que queiran colaborar coa causa. "A intención é dedicar o que consigamos a reforestar os nosos montes, concretamente a especies arbóreas comúns de Galicia que plantaremos no noso municipio e, se podemos, nos limítrofes", explicou o tenente de alcalde.