El Correo Gallego

Noticia 10 de 243 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Baltar presenta o “Pacto Termal Nacional” para promover o termalismo

O obxectivo é o desenvolvemento turístico termal eficiente, sustentable e de calidade, con melloras das infraestruturas, liñas de axudas para instalacións, investigación e actividades turísticas, e campañas de divulgación das vilas e territorios termais

REDACCIÓN SANTIAGO  | 08.04.2017 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no XII Encontro de vilas termais, que se celebra en Caldas de Reis e Cuntis, o “Pacto Termal Nacional”, “unha iniciativa para promover o valor económico, cultural e de saúde do termalismo en España, e aproveitar as oportunidades que ofrece este sector en España”, expresou o presidente do goberno provincial.

O obxectivo deste Plan é o desenvolvemento turístico termal eficiente, sustentable e de calidade, con melloras das infraestruturas termais, liñas de axudas para instalacións, investigación e actividades turísticas, e campañas de divulgación das vilas e territorios termais. A iniciativa, que abrangue a entidades locais e provinciais, gobernos autonómicos, ao Goberno do Estado e tamén ao sector privado, está liderada pola sección de Vilas Termais da FEMP -presidida por Regina Polín- e pola Deputación de Ourense, configurándose como “unha alianza entre todos os axentes implicados na xestión das augas mineiro-medicinais e termais para afianzar o termalismo e aproveitar as potencialidades que ofrece o sector turístico termal en España”, destacou Manuel Baltar.

Na súa intervención no relatorio referido ao “Termalismo aberto ao século XXI”, Baltar lembrou que xa anunciara esta iniciativa durante a presentación co Ministerio de Industria en Madrid do estudo sobre o turismo termal español -elaborado por Mario Crecente, autor do plan termal provincial-, e dixo que o Pacto Termal Nacional “establecerá dereitos, deberes e obrigas por parte de administracións territoriais, sector privado e usuarios, para lograr entre todos uns estándares de calidade que equiparen o turismo termal español co dos países de Europa de maior nivel”. Precisamente, en novembro pasado Manuel Baltar xa lle comunicara a Regina Polín, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, a iniciativa da Deputación de Ourense de poñer en marcha un instrumento como o Pacto Termal, que afiance o termalismo dentro do turismo en España.

Posicionar o termalismo
Baltar explicou no foro termal as reunións que mantivo nas últimas semanas en Bruxelas e Estados Unidos, dirixidas a posicionar o noso termalismo e a procurar estratexias de cooperación con entidades que operan no ámbito internacional, para que estas alianzas favorezan a promoción da riqueza termal dos nosos territorios, e con ela un maior desenvolvemento turístico e económico, baseado no benestar, no descanso e na saúde”, afirmou Manuel Baltar.

O establecemento do Pacto Termal Nacional “permitirá levar a cabo accións coordinadas en ámbitos como a investigación ou a creación de emprego, pasando pola valorización dos recursos naturais por medio dun desenvolvemento local sustentable, que afonde no reto demográfico”, comentou Baltar.

A acción que con máis urxencia propón o Pacto Termal Nacional é instaurar un Programa de Paisaxe Cultural Termal, promovido polo Ministerio de Fomento e a FEMP, deseñado en 2017 e desenvolvido no período 2018-2020 “que tería como obxectivo crear unha liña especifica de axudas para municipios con augas mineiro-medicinais e termais que teñan recursos de valor patrimonial”, expresou Manuel Baltar. Para esta liña de axudas o Pacto Termal suxire destinar 5 millóns de euros anuais, para contribuír a configurar destinos termais máis competitivos e cualificados, “reforzando seu papel como núcleos de dinamización do medio rural creadores de emprego e riqueza, e favorecendo o posicionamento de España como destino turístico termal”, afirmou Baltar.