El Correo Gallego

Noticia 17 de 381 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

TESE DA USC

Nenos e nenas de infantil son quen de desenvolver proxectos científicos

Queda demostrado que traballan con certa autonomía e que poden apoiar con probas as súas conclusións // A autora do estudo é a investigadora Sabela Fernández Monteira // A investigación levouse a cabo en colaboración co grupo Torque

As mestras do grupo Torque coa autora da tese Sabela Fernández, segunda pola esquerda, e a directora da mesma, Marilar Aleixandre, cuarta - FOTO: USC
As mestras do grupo Torque coa autora da tese Sabela Fernández, segunda pola esquerda, e a directora da mesma, Marilar Aleixandre, cuarta - FOTO: USC

SANTIAGO. USC  | 16.04.2018 
A- A+

Malia que é un campo das didácticas aplicadas menos estudado ca outros, queda demostrado que o ensino e aprendizaxe das ciencias na educación infantil resulta fundamental para o rendemento posterior do alumnado neste eido. Agora, a investigadora da USC Sabela Fernández Monteira dá un paso máis e constata nun traballo pioneiro que ese alumnado é capaz de apoiar con probas as súas conclusións e desenvolver proxectos de indagación con crecente autonomía ao longo desa etapa escolar.

Sabela Fernández centrou o seu estudo –que deu na tese de doutoramento ‘O desenvolvemento das prácticas científicas de construción e uso de modelos e probas: un estudo lonxitudinal en educación infantil’- en coñecer como o alumnado de infantil pode xerar e utilizar probas empíricas para comprobar ou revisar ideas científicas.

A tese, dirixida pola catedrática María Pilar Jiménez Aleixandre, examina a participación dese alumnado nas prácticas científicas de uso de probas e na utilización e construción de modelos e explicacións e a súa evolución. “Os resultados indican que nenas e nenos participan nesas prácticas con crecente autonomía e complexidade a medida que avanzan na etapa”, explica a xa doutora.

Un grupo de mestras implicadas

A investigación levouse a cabo en colaboración co grupo Torque, composto por seis mestras de educación infantil que cada ano desenvolven nas súas aulas proxectos de ciencias innovadores nos que nenas e nenos de entre 3 e 6 anos de idade teñen un papel protagonista da súa propia aprendizaxe.

Para o seu estudo, a investigadora desenvolveu unha investigación ao longo de tres anos, acompañando a un grupo durante toda a educación infantil e a outro do mesmo centro só durante o último curso desa etapa. Nese tempo, o alumnado desenvolveu proxectos de ciencias sobre caracois, como un exemplo de ser vivo, cos que conviviron nas aulas; sobre pitiños, cos que estudaron o ciclo de vida do animal instalando incubadoras nas clases; e sobre nubes, no que estudaron os seus procesos de formación e tipos, ademais dos cambios de estado da auga. Os nenos e nenas deseñaron experimentos, e procuraron información para logo sustentar as súas propias conclusións.

Xunto coa experimentación, na aula tratouse de maneira complementaria coa ‘observación cun propósito’ (Purposeful Observation), metodoloxía caracterizada por ter un obxectivo definido e á que as investigadoras lle ven “potencial” como fonte de probas no ensino das ciencias en educación infantil e primaria. “Esta é unha observación prolongada no tempo, rexistrada e discutida na aula, que serve para seguir procesos, como por exemplo a reprodución dos caracois, e revisar ideas iniciais”, explica Sabela Fernández.

Estudo premiado

Derivado deste estudo, un artigo publicado no Journal of Research in Science Teaching recibiu o pasado ano a distinción internacional Research Award Reading 2016 outorgada polas asociacións estadounidenses NSTA e NARST, de gran traxectoria na área.

Journal of Research in Science Teaching é a publicación de máis impacto no ámbito de didáctica das ciencias experimentais –3,052– e das primeiras na sección Education & Educational Research do ISI Journal Citation Report, ocupando a posición 6 de 231 revistas. Esta publicación inclúe resumos dos traballos na lingua dos autores e autoras, sendo o de Aleixandre e Monteira o primeiro nunha revista do SSCI en incluír un resumo executivo en galego.

A tese, cualificada cun sobresaliente cum laude, foi desenvolvida no seo do grupo de investigación RODA da USC. O tribunal que avaliou o traballo estivo presidido por Lucy Avraamidou, do Institute for Science Education and Communication (Groningen) e del formaron parte ademais Beatriz Crujeiras Pérez, da Facultade de Ciencias da Educación da USC, e Jaume Ametller Leal, da Facultade de Educación e Psicoloxía da Universidade de Girona.