El Correo Gallego

Noticia 45 de 217 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

Árbores Senlleiras: as testemuñas vivas da historia de Galicia

Tres rutas sinaladas pola Xunta achégannos á contemplación e disfrute de especies arbóreas únicas polas idade, tamaño e presenza en fragas de enorme beleza e importancia natural // O castiñeiro de Pumbariños, en Manzaneda, é un exemplar de máis de 500 anos de historia

O castiñeiro de Pumbariños, en Manzaneda, ten máis de cincocentos anos. O seu perímetro de tronco é duns 12 metros. - FOTO: Guía de árbores Xunta de Galicia
Ver galería
O castiñeiro de Pumbariños, en Manzaneda, ten máis de cincocentos anos. O seu perímetro de tronco é duns 12 metros. - FOTO: Guía de árbores Xunta de Galicia

JUANJO EIREOS. SANTIAGO  | 11.05.2017 
A- A+

Os galegos temos a fortuna de contar cunha paisaxe literaria e con historia, e non só da que escriben os poetas. Podemos presumir de ter entre nós ‘Árbores Senlleiras’ e 'Monumentos Naturais'. Nome oficial que se lle dá a esas especies e espazos vexetais que teñen algo de especiais. E que significa iso? Mediante lei, creouse un catálogo que permitiu identificar estes exemplares. A idea é protexelos e darlle unha importancia a visibilidade de cara a sociedade. Ademáis, impulsouse a figura Monumento Natural, aos que algúns deles están adheridos ao estar incluídos en espazos concretos. É o caso do Souto de Rozavales, que alberga a árbore máis antiga de Galicia. Coñécese como o castiñeiro de Pumbariños, está localizado en Manzaneda. 

A esto únes o traballo de catalogación. O obxectivo é darlle visibilidade a estas rarezas vexetais. Por iso se crearon unha serie de rutas: ‘Árbores con Historia’. Segundo explica a Xunta quérese poñer en valor turístico estas especies e incrementar e o seu aspecto lúdico e histórico. Así topamos tres rutas: Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental. Acheguémonos a desfrutar. 

Na ruta Santiago-Rías Baixas

Se paseamos pola Alameda de Compostela, quizais nunca reparáramos nel. É Tileiro Prateado, o seu forte é a boa saúde da que goza. Segundo os informes da Xunta ten moi poucas deficiencias estéticas e sanitarias. Ten entre 100 e 130 anos. É un dos exemplares deste espacio, onde tamén aparecen os grandes eucaliptos. Moi preto temos, con 100 anos, a Carballeira de San Lourenzo, cunha boa variedade de exemplares . De Santiago destaca, tamén, unha buxeda, un conxunto de setos que nacen no claustro do Pazo de San Lourenzo. A importancia desta plantación de buxo reside en que garda, despois de 400 anos, o deseño orixinal.

Vedra é outro dos concellos sinalados nesta ruta, con nove exemplares de gran fermosura. Algúns deles incluídos como árbores senlleiras. É o caso dun camelio do Pazo de Santa Cruz na parroquia de Ortigueira, cunha idade estimada entre 200-300 anos. No mesmo pazo podemos topar un conxunto de Oliveiras cunha abraiante idade de case 500 anos.

Seguindo a ruta topamos seis exemplares na Estrada. Un deles é unha sobreira ubicada na parroquia de Valboa. Está completamente oca, pero crece dende hai 500 anos. O seu perímetro ronda os dez metros. No Pazo de Oca podemos desfrutar dunha Criptomeria, un exemplar xigantesco de case 30 metros de altura.

Se continuamos chegamos a Caldas, onde poderemos ollar unha impoñente árbore no principal parque da vila, é unha araucaria de 32 metros de altura. Difícil, incluso, fotografala en toda a súa magnitude. En Ribadumia, no Pazo de Barrantes, existe una carreiral de eucaliptos de grandes dimensións. Teñen uns 125 anos.

Pontevedra tamén é unha zona con moitos exemplares marcados nesta ruta, cun total de nove. Un deles é un xigantesco cedro de 32 metros de altura que nace no Pazo de Lourizán. Alí tamén poderemos atopar varias especies raras, entre ellas, unha sequoia vermella de 44 metros de alto e un perímetro de tres metros e medio. Chaman a atención os cedros do Himalaia, de espectacular forma, con 100 anos de vida. Están nos xardíns de Vicenti. E na parroquia de Mourente, a carón da Capela de Santa Margarida toparemos un carballo con máis de 500 anos de vida.

Xa achegándonos a costa temos no Grove, no mirador de Siradella, un curiosos exemplar de Figueira do Meco que nace entre unha columna de pedras graníticas. Leva aí máis de cen anos. En Vilagarcía hai varios exemplares, entre eles unha araucaria excelsa no Pazo de Rubiáns, cunha altura de 32 metros e un perímetro na súa copa duns 15 metros.

Regresando cara a Padrón podemos parar a ollar unha solitaria palmeira datileira que se eleva 20 metros a carón do Mosteiro de Herbón.Tamén alí, no Paseo do Espolón podemos desfrutar dun conxunto de plátanos de sombra de entre 100 e 125 anos de historia. Nesa vila poden contemplarse varios exemplares que destacan pola súa singularidade, abeleiras, sequoias vermellas, castiñeiros das indias, palmeiras do Senegal…

Na Ruta Ourense Occidental
A ruta transcurre entre concellos ourensáns como Ribadavia, Rairiz de Veiga, Bande, Os Blancos, Baños de Molgas. Conta con preto de dez árbores destacadas. A primera topámola no concello de Ourense cunha sobreira dun perímetro de sete metros que crece como pode xunto a igrexa de Santo Cristo de Lonia. En Rairiz topamos cun impoñente carballo de máis de 250 anos que se eleva sobre o chan máis de 32 metros. Tamén en Bande podemos topar un conxunto de carballos de ata 300 anos.

En Xinzo hai un grupo de castiñeiros coñecidos por Peninvello. Teñen preto 500 anos e o seu perímetro de tronco chega a superar os nove metros. Castiñeiros similares en idade e tamaño podemos topalos en Baños de Molgas e Os Blancos. Neste último destaca un produtor excepcional de castaña que ten un tamaño descomunal. O seu perímetro ronda os 15 metros. Sentarse ao seu carón é facelo ao lado dos cincoentos anos que se lle botan enriba. E eso que crece nun valado. Pode localizarse na parroquia de Guntín (Santa María). Tamén en Molgas hai un castiñeiro de algo máis de nove metros, está na parroquia da Aira da Viña.

Cómpre non esquecerse da gran beleza do carballo de Porqueira, no concello do mesmo nome. É un fermosísimo exemplar cunhas dimensións considerables (26 metros de diámetro de copa) e situado no bosque de Caraveleira. Ronda os 150 anos de idade.

Na Ruta Ourense Oriental
Esta ruta é un espectáculo visual. As árbores máis antigas de Galicia están nesta zona. En Laza hai un curioso exemplar de castiñeiro. Ten tantos anos que os seus fillos, xa maduriños, tomaron protagonismo para rodear o tronco principal. Localizarémolo no souto de Cerdedelo.

Na zona de A Mezquita, preto de Portugal, podemos topar catro exemplares de castiñeiros: Cádavos, Ribeira, Mola e Prado da Ponte. Son árbores centenarias que contan cunha longa vida. En Viana do Bolo hai un exemplar de notable altura, está na parroquia de Tabazoa de Umoso, ten uns 24 metros de alto e un perímetro de seis metros.

Nos montes de A Veiga existe o coto de Xares, nesa zona hai unhas 2.000 hectáreas cercadas nas que poderemos encontrar un bidueiral centenario con árbores de gran altura e grosor. Xa no concello de Rubiá aparece un exemplar magnífico de aciñeiro. Está na parroquia de Covas. Ten unhas extraordinarias dimensións, cuns 17 metros de alto e un diámetro de copa que ronda os 25. Destaca pola súa beleza. Leva con nós máis de 250 anos.

Quizáis o lugar máis prezado para ollar estas obras da natureza sexa no concello de Manzaneda. Alí están algúns dos exemplares máis grandes e fermosos da península ibérica. Un deles, o máis famoso é o Castiñeiro de Pumbariños. Situado no máis que recomendable Souto de Rozabales, onde poderemos desfrutar de árbores centenarias, é un exemplar que conserva todo o seu tronco orixinal. O seu tamaño é impoñente, ten uns 19 metros de volumen de copa e un diámetro de tronco de máis de 12 metros. Probablemente a testemuña viva máis antiga de Galicia. A súa idade e superior ós 500 anos. Está declarado como Monumento Natural de Galicia.

Nesa mesma zona poderemos gozar do castiñeiro de Pracín, na parroquia de Cesuris. Un exemplar de gran envergadura e aillado que produce moita castaña. Tamén na parroquia de Rozabales aparece un carballo fermoso e proporcionado. Ten uns 200 anos. Coñécese como o Rebolo do Pazo da Pena. Ten un diámetro de copa duns 26 metros.

Son as árbores de Galicia. Cómpre non esquecelas.