El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta nega problemas e os traballadores do 112 denuncian retrasos na atención de emerxencias

Desde Vicepresidencia destacan a normalidade da xornada con máis de dúas mil chamadas atendidas baixo o novo sistema de atención // Pola súa banda o Comité de Empresa denuncia a "frustración" dos traballadores para cubrir a demanda // A Xunta agarda que se poda chegar a un acordo laboral

Instalacións do 112 no municipio de A Estrada - FOTO: Sangiao
Instalacións do 112 no municipio de A Estrada - FOTO: Sangiao

REDACCIÓN WEB. SANTIAGO  | 20.04.2017 
A- A+

O traslado do servizos do 112 a A Estrada está a tensar a relacións entre traballadores e Xunta. Os traballadores reclaman os seus dereitos salariais a causa do traslado dos sistemas e a operatividade deste servizo de emerxencias. Por eso están en folga desde o pasado 15 de abril. Din sentirse perxudicados polos custes de desprazamento a vila pontevedresa, que pode supoñer ata un 14 por cento de masa salarial. En canto o traslado, o sindicato CIG informaba hoxe nun comunicado dos problemas técnicos que xurden nestas primeiras xornadas e a "frustración dos traballadores ao non poder dar o servizo necesario as persoas que o demandaban".

Pola contra, desde Vicepresidencia, o departamento do goberno que controla este proceso aseguraba a elcorreogallego.es que foi o propio comité de empresa quen afirmou que o traslado se fixera "ben", facendo referencia literal a un dos seus comunicados. Di que non existen problemas informáticos, desmentindo ao comité. A Xunta destaca que desde que entrou a primeira chamada, ás 00.51 h, todas se procesaron na nova plataforma e non houbo incidencias reseñables. A cifra de chamadas desde esa hora ata as oito da tarde de onte foi de 2.009, con 390 incidencias sen que houbera que tirar dos dous plans alternativos que había previstos, un no mesmo centro e outro en Santiago. Desde Vicepresidencia insístese na prioridade da seguridade, obxectivo principal deste traslado.

En canto a folga dos traballadores, a Xunta di respeitar este dereito dos traballadores e agarda que nas negociacións se poda chegar a un acordo que satisfaga ás partes. Neste aspecto cré que as cuestións laborais deben ser dirimidas entre traballadores e empresa. A Xunta recorda que se reuniu ata en 7 ocasións, sempre que foi requirida, cos representantes dos traballadores da empresa para falar das condicións do traslado.

Pola súa banda o sindicato CIG, informou hoxe de que o comité de empresa fala da mala situación do servizo. "Agravada pola insuficiente formación recibida polo persoal" na nova oficina. Segundo estas fontes, o cambio xerou "que se disparen os tempos de espera e de resposta para a xestión" das chamas de emerxencia. Os empregados están en desacordo coa decisión de trasladar ese centro de traballo e sinalan que a programación do cambio supuxo que, en ocasións, sexa "imposible xestionar os recursos necesarios para responder os tempos previstos as emerxencias".

A nota apunta que a atención ás chamadas, que "antes levaba un minuto de media, agora está a chegar a demorarse ata cinco minutos" e precisa que as urxencias médicas "están a tardar dez minutos de media en chegar a comunicarse" coa central do 112, "o que traslada os atrasos a outros organismos de emerxencia".