El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS ASOMBRADAS

Unha ducia de galegos, unha ducia de Cunqueiros

A Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG

Víctor Fernández Freixanes - FOTO: EFE/Cabalar
Víctor Fernández Freixanes - FOTO: EFE/Cabalar

CAETANO DÍAZ  | 14.01.2018 
A- A+

Poucos gozos máis exquisitos pode imaxinar un intelectual galego ca que o comparen co mestre Cunqueiro; ningún agasallo de Reis hai mellor, talvez, que ingresar na ilustrísima nómina dos pregoeiros da Feira do Cocido de Lalín, xusto cando cumpre medio século o grande invento que honra as excelencias (saborosas e telúricas) do porco matrio.

Ambas venturas recaen en vostede, don Víctor, por obra e graza de Rafael Cuíña, o arriscado alcalde que intenta inscribir na circunferencia do galeguismo o triángulo do nacionalismo.

O caso é que o garrido rexedor eleva a súa traxectoria literaria, cultural e xornalística, señor Freixanes, "á altura de Álvaro Cunqueiro" (sic), aproveitando que o Deza pasa por Lalín e que o noso colosal fabulador, na súa dobre condición de escritor e gastrónomo, foi o primeiro pregoeiro da Feira do Cocido.

Mil primaveras máis para a lingua galega pediu o noso señor Cunqueiro o 25 de abril -data para sempre ligada aos caraveis das utopías- do 1980, nunha homenaxe que lle fixeron no vigués hotel Samil, e digo eu que imos polo bo camiño, don Víctor, cando neste bendito país pasamos, alehop!, dunha ducia de galegos a unha ducia de cunqueiros.

"Non che está tan mal a nosa literatura cando temos tantos cunqueiros onde escoller", comentou en privado un académico da RAG, de fina retranca, logo de escoitar ao entusiasta alcalde lalinés.

En fin, que a Feira do Cocido creza en prestixio co seu pregón, que vostede desfrute dos manxares porcinos con saúde e bo proveito, que don Rafael resolva o laberíntico teorema do nacionalismo galeguista, e que Merlín e familia sigan a transitar a Galicia máxica de don Álvaro.

Atentamente.