El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Ferrol publica a lista cos nomes de 984 vítimas do franquismo

P.HERMIDA   | 14.06.2018 
A- A+

Ferrol. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, polo menos 984 veciños foron asasinados como consecuencia da represión franquista. E por primeira vez, o concello de Ferrol publica na súa web o listado oficial desas 984 vítimas. O traballo foi realizado polos historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez, cos datos correspondentes ao período 1936-1976. E permanecerá 15 días na web, desde onte, para que os interesados fagan achegas e correccións, ante posibles erros ou omisións.

O obxectivo pasa por ter nomes e apelidos das vítimas, nun exercizo de memoria "ante catro décadas de represión cruenta, sistemática e implacable". Para as aportacións, pódese completar un formulario ao que se pode acceder de xeito telemático. O proxecto obedece ao compromiso da corporación no pleno do 29 de setembro de 2017, sen ningún voto en contra. O concello quere crear un Memorial ás Vítimas, con esa lista por orde alfabética e cronolóxica.

Segundo os investigadores Máiz e Suárez, "o número de vítimas entre 1936 e 1939 xa supera con moito as 900". E destacan "as dificultades do estudo nos rexistros civís, parroquiais e sumarios de guerra". Engaden que "tristemente a represión continuou durante toda a ditadura e aínda sobrepasou a morte do ditador, de xeito que a cifra total de persoas asasinadas ata 1976 achégase ás mil".

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt