El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Falece o expresidente da Xunta Xerardo Fernández Albor

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC, foi deputado no Parlamento Europeo durante 10 anos // Conciliador e europeísta convencido, entre as condecoracións recibidas ó longo da súa vida, destacan a Medalla de Ouro de Santiago, a Medalla de Ouro de Galicia, e o premio Gallego del Año outorgado polo Grupo Correo Gallego // En El Correo Gallego publicou o seu derradeiro artigo o pasado 17 de xuño // A capela ardente estará en Boisaca, en cuxo cemiterio municipal recibirá sepultura mañá ás 11:15 horas // Morreu aos 100 anos "sen sufrimento" mentres durmía

Xerardo Fernández-Albor no simposio internacional que sobre a súa figura se celebrou en Santiago en setembro pasado - FOTO: Antonio Hernández
Ver galería
Xerardo Fernández-Albor no simposio internacional que sobre a súa figura se celebrou en Santiago en setembro pasado - FOTO: Antonio Hernández

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 12.07.2018 
A- A+

Segundo puido confirmar esta mañá El Correo Gallego, esta mañá faleceu o expresidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, ós 100 anos de idade. A capela ardente cos restos mortais de Xerardo Fernández Albor quedará instalada en Boisaca, en cuxo cemiterio municipal recibirá sepultura mañá venres ás 11:15 horas.

A súa vida xirou arredor das súas dúas grandes vocacións: a medicina e a política. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, obtivo posteriormente o título de doutor pola Universidade de Salamanca, e completou a súa formación en distintas cidades europeas. Durante a Guerra Civil instruiuse en Alemaña como piloto de aviación.

De recoñecido prestixio, chegou a presidir o Padroado da USC, e foi xefe do Servizo de Cirurxía Xeral no Concepción Arenal, de Compostela. Un dos logros dos que se sentía máis orgulloso foi da fundación do Policlínico La Rosaleda, do que foi director.

Amante de Santiago, de Galicia, e europeísta convencido, presidiu a Xunta entre o 22 de xaneiro de 1982 e o 26 de setembro de 1987, converténdose no primeiro presidente galego elixido nas urnas. Posteriormente foi deputado no Parlamento Europeo entre o 25 de xullo de 1989 e o 19 de xullo de 1999.

Entre os numerosos premios e condecoracións recibidos ó longo da súa vida, destacan a Medalla de Ouro de Santiago, a Medalla de Ouro de Galicia, o premio Gallego del Año outorgado polo Grupo Correo Gallego, e a Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica.

Fernández Albor sempre estivo moi vencellado ó Grupo Correo Gallego, que o pasado 15 de febreiro lle rendeu homenaxe coa publicación dun libro, editado por Bolanda, que reúne as súas colaboracións xornalísticas en El Correo Gallego. Malia que non puido estar presente no acto, enviou unha mensaxe de agradecemento gravada na súa casa, e que se pode ver no vídeo adxunto. derradeiro artigo que publicou no xornal foi o pasado 17 de xuño.

O expresidente morreu aos 100 anos "sen sufrimento" mentres durmía

Os restos do expresidente Gerardo Fernández Albor, que faleceu na mañá deste xoves, vélanse no tanatorio de Boisaca de Santiago de Compostela, onde quedou instalada a capela ardente ás 16,00 horas e onde este venres, ás 11:15, terá lugar misar funeral antes do enterro no cemiterio municipal.

As primeiras personalidades que quixeron dar o seu apoio á familia foron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, e o portavoz parlamentario, Pedro Puy.

Todos eles tiveron ocasión de saudar aos primeiros familiares que se atopaban no tanatorio e estar algún tempo con eles para acompañalos no duelo polo falecemento do que foi o primeiro presidente da autonomía galega e ofrecerlles as súas condolencias.

Á saída do tanatorio, o presidente da Xunta confirmou que puido acompañar a tres fillos e os mozos que o coidaban ultimamente e de forma máis directa e explicou que Albor "se foi durmindo, sen espertar" e "sen ningún tipo de sufrimento". De feito, engadiu que "ás 6,00 da mañá aínda estaba a respirar".

"Foise sen avisar, sen facer ruído, sen molestar... Proseguiu nese soño que agora se converte nun soño eterno", describiu Feijóo, quen lembrou que foron 100 anos nos que "fixo de todo" e "moi ben empregados".

"Gerardo Fernández Albor é desas persoas que, se puidese falar neste momento, podería confirmar e dicir que 'Confeso que vivín'", sinalou o dirixente autonómico, facendo seu o título da obra biográfica do nobel Gabriel García Márquez.

CELEBROU OS SEUS 100 ANOS EN SETEMBRO DE 2017
Feijóo non pasou por alto que "certamente viviu un século, que era o seu obxectivo" e subliñou que puideron celebrar os seus aniversarios en setembro de 2017. "Marchouse cunha prolongación dun soño e probablemente todos os galegos poderiamos asinar este final e este recordo", considerou.

Despois de trasladar as súas condolencias á familia, Feijóo tamén indicou que previsiblemente neste mes de xullo a Xunta celebrará un acto institucional de recordo a Albor.

Á marxe, o PPdeG preparará un acto político que, previsiblemente, celebrarase en setembro, na contorna da data de aniversarios de Albor, como "homenaxe" dun partido no que se sitúa como unha figura "relevante" e a quen foi o primeiro presidente.