El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A Cidade da Xustiza de Vigo, unha realidade a finais de 2019

Concentrará todos os órganos xudiciais da urbe gañando 20.000 metros cadrados máis

Obras de construcción e reforma na Cidade da Xustiza de Vigo e na sede dos xulgados de Pontevedra que forman parte do Plan de Infraestruturas xudicias da Xunta
Obras de construcción e reforma na Cidade da Xustiza de Vigo e na sede dos xulgados de Pontevedra que forman parte do Plan de Infraestruturas xudicias da Xunta

M.A.  | 13.08.2017 
A- A+

A Xunta avanza para que a Cidade da Xustiza de Vigo sexa unha realidade no menor tempo posible. A primeiros do mes de xullo deron comezo as obras de demolición do antigo Hospital Xeral, que teñen un prazo de execución de cinco meses, para continuar logo coa rehabilitación do edificio, e que a futura Cidade da Xustiza de Vigo sexa unha realidade a finais de 2019.
A intención do Executivo galego é de axilizar ao máximo o proceso de rehabilitación do inmoble, comezando por unha parte coa demolición dos elementos que non se aproveitan, e por outra, a obra de rehabilitación propiamente dita.
Polo tanto, para axilizar ao máximo a posta en marcha do edificio, o proxecto dividiuse en dúas fases. Primeiro, a fase de execución, coa parte de demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que serán retiradas. Posteriormente, unha segunda fase de obra de rehabilitación, cun prazo de execución de 24 meses, co obxectivo principal de que o edificio sexa unha realidade antes de rematar 2019, cun investimento global que roldará os 25 millóns de euros, cunha posible variación dun 10% máxima, arriba ou abaixo, unha vez se concrete o proxecto de rehabilitación.
Ademais, paralelamente ao proceso de derrubamento, que consiste en baleirado de interiores, desmontaxe de recubrimento de fachadas, demolición do edificio curvo e diversas actuacións para poder comezar coa rehabilitación, o arquitecto Alfonso Penela segue a traballar na redacción do proxecto de rehabilitación, para que en canto o teña listo, poda iniciar xa as obras.
Dende a Xunta apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo sitio todas as dotacións xudiciais da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando mediante o concurso de ideas a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo, concentrando nun mesmo edificio todas as dotacións xudiciais da cidade, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e ubicando no inmoble 35 unidades xudiciais, con espazo libre para futuras ampliacións, contando xa dende o primeiro momento coa axuda e co asesoramento dos arquitectos da cidade, dos operadores xudiciais e do Concello
O proxecto supón a rehabilitación do antigo Hospital Xeral, unha aposta que lle dará uso a un edificio emblemático, contribuirá a dinamizar a cidade e concentrará nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial, dotando á administración de Xustiza dunhas instalacións de gran nivel con 36.000 metros cadrados.
Para desenvolver esta iniciativa, anunciada en febreiro de 2016, e que conleva o traslado dos dous edificios actualmente utilizados na rúa Lalín, convocouse un concurso de ideas, a nivel de anteproxecto para a adaptación do antigo edificio do Hospital Xeral. No pasado mes de outubro coñeceuse ó gañador do concurso de ideas, o arquitecto Alfonso Penela, que será o encargado de elaborar o proxecto de execución e de levar a cabo a dirección de obra.
O Goberno galego apostou pola fórmula do concurso de ideas, dadas as particulares actuacións técnicas que implican a adaptación deste edificio para adaptalo a un novo uso, xa que este tipo de procedemento permite obter un maior número de propostas para unha avaliación máis completa das posibles solucións, estimulando a creatividade e dando a posibilidade ao sector de participar na idea.
Neste senso, a Xunta está a dar todos os pasos para que o edificio do antigo Hospital Xeral pase a ser a Cidade da Xustiza de Vigo co obxectivo de que poida estar finalizada a actuación en novembro do ano 2019.
Rematada a rehabilitación, trasladaranse ao edificio 35 unidades xudiciais, se ben o programa de necesidades esixe que se proxecten 55 unidades, máis un espazo para as dependencias do Xulgado de Garda, polo que se obtén unha dispoñibilidade de 21 oficinas para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.
Ademais, obtense espazo adicional para dúas seccións da Audiencia Provincial para garantir a posibilidade de incrementos. En canto ao persoal a trasladar, na actualidade desenvolven a súa tarefa nos dous edificios 503 efectivos.
A actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros. Este plan representa ademais unha aposta pola colaboración entre administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da administración de Xustiza os terreos ou edificios e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.

Ampliarase a sede de Pontevedra

REAGRUPACIÓN. A construción da nova sede xudicial de Pontevedra tamén ten o propósito de xerar un espazo suficiente para os próximos anos. O investimento supera os 17 millóns de euros para unha infraestrutura xudicial que contará con máis de 21.000 metros cadrados, e poderá albergar 28 unidades xudiciais, resolvendo así a carencia actual de espazos xudiciais na cidade. Ao tempo ampliarase e complementará as infraestruturas actuais, integrándose co actual edificio, xa que o novo estará comunicado a través dunha pasarela cuberta co actual, formando un único complexo xudicial. No novo edificio relocalizaranse 14 xulgados e ademais terá capacidade para 14 xulgados máis, o que cubriría as posibles necesidades de espazos. O edificio ten seis andares sobre rasante, o baixo e o primeiro serán máis públicos, xa que é onde se sitúan as salas de vistas.