El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

"Todos estarán controlados en cada un dos 100 quilómetros"

Xabier Boullón, director técnico da Andaina dos ITBs, destaca un percorrido moi completo para os 300 deportistas // A proba celébrase o 24 e 25 de xuño

Xabier Boullón e Mari Ces no encoro de The Vilacoba Hydroelectric Company.
Xabier Boullón e Mari Ces no encoro de The Vilacoba Hydroelectric Company.

MARÍA MARTÍNEZ SANTIAGO   | 19.06.2017 
A- A+

A próxima fin de semana celebrase polas terras do Barbanza a cuarta edición da única proba de distancia extrema de cantas teñen lugar en Galicia. Son Os 100 kilómetros do ITBS. Xabier Boullón, cunha ampla experiencia en deportes de aventura, volve a ser o director técnico.

Xabier: ¿Cómo é o percorrido ?

Volve a atravesar toda a Península do Barbanza polos seus sete concellos e combina beiramar, vales e montaña case a partes iguais. A proba sae de Noia e enfila toda a beira da ría de Muros durante os primeiros 30 quilómetros pasando preto de lugares tan característicos como o castro de Baroña, o faro de Caveiro, a praia das Seiras ou polo centro da vila do Porto do Son. Unha vez na parroquia de Caamaño os participantes vanse adentrar no interior dos concellos do Son e de Ribeira ata chegar a un dos miradoiros máis senlleiros de toda Galicia, o de Valle Inclán, no concello da Pobra. Estamos no quilómetro 41 e alí farase unha cea quente.

¿Xa e de noite e deixan atrás o mar os participantes?

Cruzarán os ríos Pedras (a carón da famosa adega de Entrerríos), Lérez, Coroño e Beluso, entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Boiro. É unha parte con poucas costas e caracterizada pola tranquilidade -crúzanse poucas aldeas- e o uso de camiños antigos e pistas. Aínda que nos 100 quilómetros non hai moito asfalto, nesta parte prácticamente non se pisa o pavimento en case ningunha ocasión. Este tramo finaliza no concello de Rianxo, xusto no famoso hórreo do Araño, o máis grande do mundo.

¿E entramos na montaña?

A pesar de que a subida acumulada é de 3.300 m (para facerse unha idea, 11 veces a Torre Eiffel, ou subir máis de seis veces seguidas o monte da Curota), esta edición ten pouca montaña. Pero moita dela está entre os quilómetros 71 e 81, xa que se pasa do Araño, a uns 50 metros ó nivel do mar, ata o alto da Muralla, o punto máis alto de toda a bisbarra do Barbanza, a 679 metros. O bo para os participantes é que a partir de aí xa non hai máis subidas. é case todo descenso, o que fai que, en teoría, este sexa o tramo máis doado, malia ter á beira dos ríos algún tramo máis técnico. Comezamos descendendo ata Aldariz e Comparada, ata que acadamos The Vilacoba Hydroelectric Company, un pequeno encoro de 1920 que alimentaba unha minicentral que orixinaba electricidade para as minas de San Fins, no concello de Lousame. Pasamos por sendeiros en bosques de ribeira, batáns e antigas papeleiras, como as ruínas da papeleira de Brandía e da maxestuosa papeleira de Fontán. Finalmente, tras un tramo moi tranquilo, entramos no concello de Noia onde completarán os 100 quilómetros.

¿Cáles son as novidades?

A principal é que este ano os participantes levarán consigo un localizador GPS, de tal xeito que estarán perfectamente localizados en todo momento. Isto trae consigo unha chea de vantaxes: os familiares, amigos e fans poderán seguir por internet ó minuto onde está cada participante, o ritmo de progresión, o que lle queda ou canto tempo leva parado nun avituallamento. Nós destacaremos dúas vantaxes para a organización: unha é a seguridade. Seguindo a proba por internet e comprobando a posición de todos asegurámonos de que non existen perdas nin extravíos. Tamén dende o punto de vista loxístico, estaremos perfectamente preparados para saber o tempo estimado de chegada a cada avituallamento, evitando así esperas innecesarias. Os dispositivos e o software de seguimento pertencen a unha peme galega, Tracktherace, con moita experiencia nestas probas de ultradistancia. Tamén utilizáramos unhas pulseiras de silicona como dorsal.

Ao igual que o ano pasado, unha empresa certificada, UAV Galicia, gravará boa parte da proba con drons e cámaras en superficie. O ano pasado fixeron un gran traballo filmando o máis característico da proba.

¿E que levan os que chegan?

Pois en primeiro lugar, unha medalla de finisher, de deseño de Juan José Fajardo. É unha medalla de deseño propio, que cada ano indica a edición da proba. Tamén un diploma-certificado, onde se indica ter completado os 100km e en canto tempo. E logo unha bolsiña con diferentes recordos e agasallos. Pero sobre todo, os que completan os 100 quilómetros levan unha tremenda satisfacción por ter sido quen de rematar esta proba en menos de 24 horas.

¿Consellos ós participantes?

Recomendamos ós ultrandainos que non esquezan o material obrigatorio: un frontal, para a noite, un móbil con suficiente batería, un contenedor de líquidos tipo cantimplora, xa que a organización non proporcionará botellíns, senón botellas grandes para rechear, un chifre, e un gorro ou pano na cabeza. Aínda que os 100 quilómetros están perfectamente sinalados, con cintas reflectantes, luminarias e indicacións, tamén recomendamos levar un GPS co track.

¿E os avituallamentos?

Haberá auga, isotónicos, froita fresca e barriñas de cereais; en moitos haberá café, bebidas de cola, rosquillas, froitos secos... A maiores, no quilómetro 41 daremos unha cea e no 71 haberá un chocolate quente para abrir o día.

¿Qué se precisa facer para cubrir estos 100 quilómetros?

Cómpre ter certa forma física e estar afeito a camiñar. Pero lembramos que o éxito depende sobre todo dunha axeitada mentalización. Este tipo de probas acábanse tendo fortaleza mental e gañas de chegar. É doado derrubarse e botalo todo a perder no quilometro 80, porque, irremediablemente, un vai estar canso. A forza consiste en ser quen de seguir e chegar. Unha correcta preparación neste sentido é fundamental.

¿Un consello final?

Deixarse guiar polo exército de voluntarios: Máis de 50 persoas entre persoal sanitario, escobas, xente nos avituallamentos, traslados e coordinación, van velar para que todo saia ben.