El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

A carreira popular Sin Son 10k xa supera os 1.800 inscritos a 10 días da súa sexta edición

Imaxe da saída da pasada edición da Sin Son 10K - FOTO: Sin Son
Imaxe da saída da pasada edición da Sin Son 10K - FOTO: Sin Son

ECG   | 07.12.2017 
A- A+

Santiago. A tan só unha semana para que peche o prazo de inscrición da carreira popular Sin Son 10k, xa están inscritos un total de 1.457 deportistas para a proba absoluta e 375 escolares para as carreiras infantís. Este ano o deportista convidado para a cita do próximo domingo 17 de decembro será o triatleta Iván Raña que tamén participará na carreira que se desenvolverá entre as vilas de Portosín e Porto do Son. O prazo para apuntarse rematará este martes.

A organización vén de facer públicos os lugares nos que os participantes que se inscribiron antes do día 1 poden recoller os seus dorsais. Estes puntos estarán ubicados do 9 ao 14 de decembro na Marathon Running Shop Coruña (Avda. de Oza, 48), en Bikila Vigo (Avda. de Castrelos, 190) ou en 3&Run Santiago. Sen embargo, para os deportistas que non poidan pasar por estes establecementos terán a súa disposición os dorsais na Casa da Cultura de Porto do Son o día anterior á carreira, o 16 de decembro, entre as 18.00 horas e as 21.00 horas, e en Portosín o mesmo día entre as 8.00 horas e as 10.30 horas.

O día da proba, un total de 10 autobuses trasladarán desde as 8.00 horas aos participantes desde Porto do Son a Portosín, onde se dará a saída ás 11.00 horas. A organización tamén introduciu unha innovación este ano ao incluír, a modo de experiencia, unha proba para patinadores o mesmo día, así como a celebración das carreiras infantís o sábado, a partir das 17.00 horas na zona portuaria.