El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Aleksandar Petrovic tomará o bastón de peregrino do Camiño

O actual seleccionador de Brasil e antigo base croata percorrerá a Ruta da man do Obradoiro

Aza Petrovic, nos Xogos de Río 2016 como adestrador de Croacia.  - FOTO: ECG
Aza Petrovic, nos Xogos de Río 2016 como adestrador de Croacia. - FOTO: ECG

ÓSCAR DE LA FUENTE   | 17.05.2018 
A- A+

Aleksandar Petrovic será o protagonista da cuarta edición de O Camiño Remata en Obradoiro, a iniciativa do Monbus Obradoiro que cada ano recruta a un peregrino ilustre vencellado ao mundo do baloncesto. O antigo base croata e actual seleccionador do Brasil, de 59 anos de idade, percorrerá proximamente (nunhas datas aínda por confirmar) as últimas etapas do Camiño Portugués xunto ao seu fillo Marco Petrovic.

Aza, como é coñecido popularmente, é irmán de Drazen Petrovic, un dos mellores xogadores europeos da historia, falecido nun accidente en 1993, pero ademais labrou unha carreira moi salientable. Foi estrela en clubes como a Cibona de Zagreb ou o Scavolini de Pesaro, ademais de peza importante nas seleccións de Iugoslavia e Croacia. Logo de retirarse adestrou ao Sevilla e Lleida, en España, ou a clubes como a Cibona, Unics Kazán ou Lietuvos Rytas. Foi seleccionador de Croacia en dúas etapas e desde 2017 ocupa o banco de Brasil.

OS PRECEDENTES

Terry Porter. O estadounidense, antiga estrela dos Blazers da NBA, protagonizou a primeira edición en 2015.

Juan Corbalán. A lenda do Real Madrid e da selección rematou o Camiño Primitivo en 2016.

Nikos Galis. O grego, un dos mellores europeos da historia, peregrinou hai un ano.