El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

‘Zoolandia’, a comparsa promovida pola ANPA, gaña o concurso de disfraces no Pino

‘0s Picapedra’, ‘Os avós modernos’, ‘A tribu de Bama’ e ‘Lego Superheroes’ recibiron os outros premios grupais

A comparsa
Ver galería
A comparsa "Zoolandia" foi a gañadora do concurso de disfraces do Pino - FOTO: Concello do Pino

CONCELLO DO PINO  | 12.02.2018 
A- A+

A comparsa ‘Zoolandia’, promovida pola Asociación de Nais e Pais do CPI Camiño de Santiago, resultou a gañadora no concurso de disfraces de Entroido que organizou onte o Concello do Pino e no que competiron 36 participantes nas diferentes categorías. A máis numerosa foi a de infantil, con 21 concursantes, que levaron os maiores aplausos das máis de 200 persoas que se deron cita na Praza do Concello.

‘Legos Superheroes’ levou o premio ao disfrace máis orixinal, tras subir ao escenario a unha numerosa representación dos personaxes de debuxos animados e de ficción que fan as ledicias de grandes e pequenos. Na categoría de carrozas, ‘Os Picapedra’ impuxéronse á ‘Piscina Olímpica’ e á ‘Funeraria Las Catrinas’.

‘Os avós modernos’, que se animaron a regueifar en directo cun bebé en brazos, non tiveron rival no apartado de grupo, o mesmo que a particular aposta polo axeitado tratamento dos residuos que presentou ‘Tirar no monte non é reciclar’, na categoría individual.

Como vén acontecendo nos últimos anos, a categoría máis concorrida foi a de infantil. Houbo disfraces para todos os gustos, aínda que para o xurado os máis logrados foron ‘Rato con ratoeira’ e ‘Grut’ que levaron o primeiro e segundo premio, respectivamente.

En total, o Concello do Pino repartiu 1.200 euros en premios nesta vixésima edición do concurso de disfraces, que estivo amenizado pola orquestra Breixa Band, e na que os alumnos de cuarto da ESO aproveitaron para seguir recadando fondos para á excursión de fin de curso vendendo chocolate, orellas e sorteando unha cea con aloxamento para dúas persoas no restaurante Bello.

O alumnado de 5º de educación infantil do CPI Camiño de Santiago, Lucía Abeijón Gallego (1º de primaria) e Daniela García Tato (4º de primaria) recolleron os premios como gañadores do concurso de carteis de Entroido que organizou o Concello.