El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

As igrexas do Camiño van abrir ao público este verán

Será grazas a un acordo entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas // Terán un amplo horario de visitas

Nava Castro, no centro, Ovidio Rodeiro ao lado e a alcaldesa de Melide Dalia García, na igrexa de San Pedro - FOTO: Xunta
Nava Castro, no centro, Ovidio Rodeiro ao lado e a alcaldesa de Melide Dalia García, na igrexa de San Pedro - FOTO: Xunta

A. PRADA MELIDE   | 11.07.2018 
A- A+

No exterior da igrexa de San Pedro, en Melide, a directora de Turismo de Galicia Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaba onte xunto ao bispo da diócese de Lugo Alfonso Carrasco, o programa de apertura de igrexas no Camiño de Santiago. Trátase dun proxecto que nace da colaboración entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas e a través do cal se van abrir ao público este verán numerosos templos de distintas rutas xacobeas. As igrexas incluídas neste programa terán un amplo horario de visitas toda a semana, cun só día de descanso, e haberá persoal que se vai encargar de explicar a historia e o valor destes lugares.

Os templos participantes, no caso da Diócese de Lugo, serán as igrexas de Santa María de O Cebreiro, Santiago de Triacastela, o punto de información do Mosteiro de Samos, O Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, O Salvador de Vilar de Donas, San Tirso de Palas de Rei, San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide, Santiago de Boente, Santa María de Fonsagrada, Santa María de Vilabade, a Catedral de Lugo, incluída na declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, Santiago de Taboada, no concello de Silleda, e Santa María de Dozón.

No caso da arquidiócese de Santiago inclúense os templos de A Peregrina en Pontevedra, a Capela de San Marcos no Parque Monte do Gozo, a Capela Xeral de Ánimas, San Bieito, Santa María do Camiño, San Andrés de Barciela, o Mosteiro das Beneditinas, a Colexiata de Iria Flavia, a Capela da Madalena, a Capela de Francos, Santo Domingo de Betanzos, Santa María de Betanzos e Santiago de Betanzos.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt