El Correo Gallego

Noticia 5 de 83 noticia anterior de Descubra el fin de la tierra Área de Compostela » Descubra el fin de la tierra

Mazaricos prepara a XIX Festa do Bolo do Pote

Será os días 4 e 5 de marzo // O custe do menú é de 15 euros // Haberá música e sorteos texto

O Concello promocionou a festa no salón Xantar - FOTO: C. de Mazaricos
O Concello promocionou a festa no salón Xantar - FOTO: C. de Mazaricos

J. M. RAMOS  | 24.02.2017 
A- A+

A Picota, capital de Mazaricos, acollerá os días 4 e 5 de marzo a XIX Festa do Bolo do Pote, unha cita gastronómica de referencia na Costa da Morte, que recuperou os tradicionais bolos feitos cunha masa de fariña de millo e centeo, acompañada de anacos de panceta, chourizo e touciño.
As degustacións comezarán o sábado, 4 de marzo, con xantares e ceas, previa reserva, a base de cocido e bolos do pote nos restaurantes O Verxel, Efe-Eme, Casa Jurjo, a pizzería Vinculeiro, o café-bar Alborada e o bar asador Manduca. Tamén colabora a taberna Casa Senra.
O domingo, 5 de marzo, será o día grande da festa. Os actos comezarán ás 13.00 horas no campo da feira da Picota, onde as degustacións estarán animadas con pasarrúas e un concerto do grupo de gaitas O Verán. Os menús incluirán bolos do pote, acompañados de cocido con grelos, postre, viño e café, por un prezo único de 15 euros. A orquestra Xacobeo será a encargada de animar a sesión vermú e a verbena, a partir das 18.30 horas. Se o tempo o permite haberá inchables para que poidan desfrutar os nenos e nenas que participen da festa.
A organización corre a cargo, un ano máis, do Concello de Mazaricos, que conta como é costume coa colaboración da Asociación de Amas de Casa e a AAVV Monte Picoto. Este ano, os hostaleiros sortearán varios xantares de balde para dúas persoas. Para participar, os interesados deberán compartir de xeito público unha imaxe dun bolo do pote que aparece no Facebook do Concello de Mazaricos.
A XIX Festa do Bolo do Pote foi promocionada no salón Xantar, de Ourense, onde o Concello organizou un showcooking, que tivo unha gran acollida entre os visitantes da feira.

CURSO DE CHEF. Aqueles que desexen ir máis aló de darlle gusto ao padal, poden tamén poñer o mandil mañá, día 25, e iniciarse no mundo da cociña a través dos cursos que se impartirán no colexio da Picota. Os interesados en ser un ou unha súper chef deben anotarse na casa da cultura ou chamar ao 981 867 195. Haberá dous grupos, e as clases do primeiro serán de 16.00 a 18.30 horas. O segundo comezará ás 18.30 e rematará ás 21.00 horas, segundo informa o Concello.

ACTIVIDADES

A Laracha O Concello anuncia que o día 6 de marzo haberá unha sesión informativa sobre a praga da polilla guatemalteca da pataca. Será ás 12.00 horas na casa da cultura.

Carballo O Centro Comercial Aberto, coa colaboración do Concello, organizará os días 11 e 12 de marzo unha nova Feira das Oportunidades, que reunirá a 28 expositores.
Cee O Centro Social acollerá o martes, día 28, unha Foliada de Entroido a partir das 18.30 horas. Haberá degustación de produtos típicos.
Malpica O Concello informa que xa comezaron as obras de reparación do Centro Cívico, nas que se investirán un total de 54.414 euros.
Vimianzo A casa da cultura acolle hoxe, a partir das 21.00 horas, a estrea da curtametraxe ‘Lúcido, diario de soños’, unha obra de mozos e mozas de Vimianzo. Actuará tamén o grupo local Druidas da rolda. Ao remate do acto, a partir das 22.00 horas, haberá pinchos e música en directo no pub Mehari.